O Sabor das Margaridas trunfa entre o público británico

venres, 10 de maio do 2019 Marcus Fernández

A plataforma de vídeo baixo demanda Netflix fixo historia a finais de marzo ao incorporar á súa oferta de vídeo baixo demanda O Sabor das Margaridas, serie de 6 capítulos gravada en lingua galega, de xeito que esta produción non só pasou a estar dispoñible para os máis de 2 millóns de fogares españois con Netflix, senón tamén de xeito global, o que supón un grande fito para o audiovisual galego que resulta aínda máis salientable tras confirmarse o seu éxito máis aló das nosas fronteiras.
Nas redes sociais podemos ver moitas mostras de admiración pola produción de CTV, Comarex e a TVG por parte de espectadores, pero o que resultaba difícil de anticipar é que no repaso do máis visto en Netflix en Reino Unido no mes de abril O Sabor das Margaridas ía aparecer na 7ª posición entre as series de fala non inglesa, dando a entender que os produtos do noso audiovisual son exportables, sendo chave no seu éxito o seu xénero e a plataforma de distribución empregada.
O éxito de Bitter Daisies (título en inglés de O Sabor das Margaridas) fóra da nosa terra sería a confirmación do acerto ao crear un novo estilo que dan en chamar Galicia-noir, e que encaixaría coas numerosas producións europeas dentro do xénero policial que convertéronse en todo un fenómeno global grazas en boa medida ás plataformas de distribución dixitais que permiten que xéneros moi específicos poidan amasar audiencias millonarias de xeito case instantáneo.
Lembremos que O Sabor das Margaridas xa recibiu o recoñecemento como Mellor Serie de Televisión na pasada edición dos Premios Mestre Mateo, e agora a súa boa acollida en Netflix suporía tamén «un grande premio ao esforzo e á dedicación de todo un equipo», segundo Ghaleb Jaber, guionista da serie, quen tamén apunta que a serie «está a ter moita repercusión en América Latina, en especial na Arxentina, e a nova de que estea a funcionar no mercado anglosaxón é un recoñecemento tanto para CTV como para o audiovisual galego».

Bitter Daisies (O Sabor das Margaridas) destaca entre o máis visto en Netflix en Reino Unido e Irlanda no mes de abril

PUBLICIDADE