O proxecto Smart Cardia, destinado aplicar novas tecnoloxías avanzadas para facilitar os procesos de rehabilitación cardíaca, foi hoxe o punto central dunha xuntanza no CiTIUS, o Centro Singular de Investigacións en Tecnoloxías Intelixentes da USC. En concreto, as entidades responsables do proxecto (as empresas Balidea, Imagames e SM Tecno, en colaboración co CiTIUS e a Fundación IDIS) deron a coñecer os avances realizados en 2019 ao abeiro de Smart Cardia, que, como lembraron, propón “unha plataforma intelixente para a xestión clínica da recuperación no caso de pacientes que sufriran un infarto agudo de miocardio”. Segundo engadiron, a previsión é rematar o prototipo e realizar as probas piloto no CHUS ao longo dos vindeiros meses, para presentar resultados a finais do ano vindeiro.
Polo que respecta aos labores desenvolvidos en 2019, completouse a definición da plataforma desde o punto de vista médico e avanzouse no seu deseño traballando nos módulos de xestión intelixente, de adquisición automática de información e de procesado e integración de imaxe médica. Ademais, iniciáronse os módulos de xeración automática de informes e as interfaces clínicas intelixentes e de procesado de linguaxe natural.

Interviñeron na presentación o doutor Carlos Peña Gil, responsable do Servizo de Rehabilitación Cardíaca do CHUS, que salientou a adaptación da ferramenta ás necesidades detectadas polos especialistas; José Gandarela, técnico do proxecto en Balidea, que explicou o estado actual da plataforma e os principais avances do 2019; Borja Pérez de SM Tecno, que se centrou nas vantaxes da adquisición automática de información e imaxe médica; Javier López de Imagames, que citou as posibilidades da gamificación nos plans de saúde; e o doutor Manuel Lama do CITIUS, que falou de como están a aplicar o Procesado de Linguaxes Naturais (PLN) e a Intelixencia Artificial (IA) no proceso de rehabilitación cardíaca.

Smart Cardia, como se fixo saber na presentación previa de febreiro de 2019, senta os alicerces dunha plataforma para a xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca no caso de pacientes que xa sufriran un infarto agudo de miocardio. Segundo explicou daquela Balidea, a súa finalidade é desenvolver unha plataforma que facilite aos profesionais sanitarios a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e de predición e interfaces gráficas usables. Ademais, facilitará a posta en marcha de programas de rehabilitación cardíaca, permitindo que, “desde o primeiro día”, os profesionais sanitarios “traballen no marco dun proceso de anticipación, sen variabilidade e controlado, seguro e con indicadores de calidade”.

