Prebencar e Smart Cardia impulsan a prevención e a rehabilitación cardíaca a través das TIC

martes, 12 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega Balidea, referente en aplicacións e servizos tecnolóxicos avanzados, presentou hoxe no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) os resultados do proxecto de I+D+i Prebencar, do que falamos en Código Cero, en novembro de 2016, con motivo da súa posta en marcha. Na cita no hospital compostelán tamén se deron a coñecer detalles dos obxectivos de Smart Cardia, que é a prolongación do primeiro. Segundo fixo saber Balidea, os dous están encamiñados a estender e facilitar a saúde cardiovascular a través das TIC. Nun plano máis específico, Prebencar pon o foco na prevención e Smart Cardia no proceso de rehabilitación cardíaca.
Os dous proxectos están impulsados por dous consorcios de empresas integrados por Balidea e Imagames no primeiro caso; e Balidea, SM Tecnología e Imagames no segundo. Así mesmo, contan coa Fundación Idis e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) como centros tecnolóxicos asociados.
Tanto Prebencar como Smart Cardia teñen a súa orixe na necesidade de dar resposta ás demandas asistenciais detectadas por profesionais sanitarios do ámbito da cardioloxía e céntranse no desenvolvemento de ferramentas TIC cunha vontade dupla: afondar no empoderamento dos pacientes, outorgándolles unha meirande autonomía na xestión diaria da súa saúde cardiovascular; e no fornecemento de terapias avanzadas, que impliquen unha atención personalizada e con técnicas de motivación a través da gamificación (uso e aplicación de metodoloxías propias dos xogos con fins terapéuticos) para acadar unha maior adherencia á terapia.
Interviñeron na presentación o doutor José Ramón González Juanatey, xefe de Servizo de Cardioloxía e UCC do CHUS, que valorou “as amplas formas de aplicación destas ferramentas” facendo balance da incidencia das doenzas cardiovasculares; e o doutor Carlos Peña Gil, cardiólogo do Servizo de Cardioloxía e UCC do CHUS e IP de Prebencar e Smart Cardia, quen expuxo a súa utilidade no proceso de recuperación cardíaca e o empoderamento de pacientes. Pola súa parte, José Lorenzo Rodríguez Currais, director executivo de Balidea, salientou “as múltiples vantaxes que se poden extraer do emprego de solucións tecnolóxicas no ámbito sanitario”.
Balidea tamén recalcou que estes proxectos están co-financiados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do sistema rexional de innovación, que conta con co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Polo que se refire a Prebencar, é un asesor virtual intelixente concibido para empregar como ferramenta de prevención. O seu obxecto é facilitarlle ao cidadán, aos profesionais sanitarios e aos servizos de saúde a promoción de actividades de prevención cardiovascular primaria a nivel poboacional, buscando un cambio nos costumes e hábitos sociais. En 2018 finalizáronse os desenvolvementos do proxecto e realizouse a validación e avaliación de resultados, a partir da proba piloto realizada con usuarios reais (profesionais médicos e pacientes), polo que entra agora en fase de comercialización.
Pola súa banda, Smart Cardia propón unha plataforma para a xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca no caso de pacientes que xa sufriran un infarto agudo de miocardio. Segundo explica Balidea, “a súa finalidade é desenvolver unha plataforma que facilite aos profesionais sanitarios a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e de predición e interfaces gráficas usábeis”. Ademais, facilitará a posta en marcha de programas de rehabilitación cardíaca, permitindo que, “desde o primeiro día”, os profesionais sanitarios “traballen no marco dun proceso de anticipación, sen variabilidade e controlado, seguro e con indicadores de calidade”.

PUBLICIDADE