BBVA e a Cámara de Comercio da Coruña amosan os retos da dixitalización
martes, 9 de maio do 2017
A xornada
Big Day, Digital Data, destinada a amosarnos os retos e
posibilidades que ofrecen os recursos para a dixitalización e para a
análise da inxente información que se xera nas redes, promete ser
unha cita de especial interese para as nosas PEME. A cita, que se
desenvolve este mércores 10 de maio na sede da Cámara de Comercio
da Coruña, virá en dúas xeiras. Pola mañá, ás 11.30 horas,
intervirán en rolda de prensa Rafael Domenech, responsable de
Análise Macroeconómica de BBVA Research, e Juan Carlos Plaza,
responsable de Produto Big Data de BBVA Data & Analitics.
Falarán sobre o impacto que ten e terá a dixitalización nas
empresas galegas e dos desafíos aos que se enfrontan para os seus
procesos de medre e espallamento.
A intervención de Domenech e Plaza será, en
palabras de BBVA (entidade organizadora do evento xunto coa Cámara
da Coruña), un anticipo do miolo mesmo da xornada Big Day,
Digital Data, que se celebrará esa mesma tarde na sede da Cámara
da Coruña. A xeira matutina contará tamén coa asistencia de
Antonio Couceiro, presidente da Cámara da Coruña, e máis de
Yolanda Martínez-Bajo, directora Territorial Noroeste BBVA.
Polo que se refire á sesión vespertina,
arrincará ás 18.30 horas cun acto de benvida institucional no que
participará Gonzalo Ortiz, director da Cámara de Comercio da
Coruña. Ás 18.35 será a apertura da xornada en si mesma, da man de
Yolanda Martínez-Bajo. Ás 18.40 horas falará Miguel Cardoso,
economista xefe de España BBVA Research, co relatorio Situación
e retos da transformación dixital nas empresas galegas. Arredor
das 19.10 horas será a quenda novamente de Juan Carlos Plaza, que
abordará o relatorio Transformando con datos. A continuación
será o intre do coloquio (arredor das 19.40 horas) e da clausura
institucional.
