Balidea, Situm, S-REC e Nordesía lanzan ao mercado a súa revolucionaria tecnoloxía TOURAL

luns, 28 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 1 MB
De esquerda a dereita, Juan Martín, director de innovación de Situm, Vítor Belho, director de Nordesía, e María del Carmen López Pérez, xefa do proxecto e responsábel da oficina de I+D+i de Balidea

A innovación galega rematou o ano co listón ben alto e o ano que comeza promete seguir a mesma tónica ascendente. Boa parte da culpa téñena as nosas empresas, que a titulo individual son quen de sobresaír no panorama europeo pero que cando se xuntan engaden un extra de enerxía e excelencia. Nesta liña sitúase a alianza formada por Balidea, Situm, S-REC e Nordesía, que veñen de culminar un proxecto que achega unha tecnoloxía para facilitar e enriquecer a experiencia dos asistentes a feiras, congresos e eventos multitudinarios. Estamos a falar de TOURAL: a resposta transversal e flexíbel que as entidades organizadoras de acontecementos agardaban para darlles a estes o ingrediente de seguridade, sinxeleza, coordinación e comunicación que procuraban.
O proxecto TOURAL (siglas en galego para Tecnoloxías Orientadas á Localización, Realidade Aumentada e Lincaxe para feiras, recintos e eventos culturais) foi avaliado hoxe nos seus detalles na sede Balidea en Santiago, nun acto que contou coa presenza de Juan Martín, director de innovación de Situm, Vítor Belho, director de Nordesía, e María del Carmen López Pérez, xefa do proxecto e responsábel da oficina de I+D+i de Balidea.
Segundo fixeron saber, TOURAL entra agora en fase de comercialización, logo de aproximadamente dous anos de traballo dun equipo especializado constituído por 15 profesionais (oito delas mulleres, sete de nova creación), que complementaron o traballo de desenvolvemento propiamente dito con probas piloto realizadas en eventos reais da nosa terra -Cantos na Maré, Feito a Man e Womex 2016-, experiencias prácticas que se saldaron con grande éxito e cunha importante e enriquecedora ración de feedback. En todos os devanditos casos desenvolvéronse apps nativas tanto para Android como para iOS, con interfaces de usuarios amigábeis, doadas de usar, intuitivas e de emprego sinxelo, “respectando as normas de accesibilidade vixentes”. Entre outras moitas funcionalidades, a plataforma facilitou ás persoas visitantes o guiado polos recintos, a creación de axendas coas súas actividades favoritas, o coñecemento dos elementos de interese nas inmediacións (aparcadoiros, taxis, paradas do bus...) ou a consulta de información en realidade aumentada dos contidos das feiras.
O obxectivo dos responsábeis do proxecto era a creación de tecnoloxías innovadoras que permitisen a interacción integral da cidadanía en feiras, congresos e eventos, posibilitando o guiado polos recintos, tanto interior como exterior, e facilitando a relación entre profesionais e asistentes a través de sistemas de realidade aumentada e comunicación integrados en aplicacións móbiles.
O proxecto foi co-financiado pola Axencia Galega de Innovación e o Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Contou cun orzamento de 669.617,50 €, dos cales o 50% (334.808,67 €) foron co-financiados.
Segundo se explicou este 28 de xaneiro na sede Balidea, TOURAL saldouse coa creación “dun sistema con alto potencial internacional” que permite a xestión innovadora de feiras e eventos culturais e que, durante e despois do proxecto, tivo un impacto positivo na xeración de emprego e, tamén, na actividade mesma das empresas implicadas, xa que se compartiron e xeraron importantes recursos para a mellora do coñecemento e para abrir portas e xanelas para futuros proxectos innovadores relacionados. Amais, sinalouse, establecéronse sinerxías tanto entre empresas tecnolóxicas como entre tecnolóxicas e culturais.
En canto ás perspectivas, o futuro do proxecto pasa pola súa comercialización como modelo de solución tecnolóxica fácil de personalizar e aplicar por parte de múltiples clientes: concellos, entidades culturais, empresas, grandes eventos, etc.

PUBLICIDADE