Balidea lidera un proxecto de robótica e virtualidade para recuperar doentes con dano cerebral
luns, 26 de decembro do 2016
A semana pasada presentouse
no Hospital POVISA de Vigo o proxecto RECUPERA, unha iniciativa
impulsada por un consorcio de empresas da nosa terra unidas baixo o
paraugas común da innovación en saúde. O principal obxectivo
de RECUPERA é dar forma unha tecnoloxía que bote unha man na
rehabilitación de doentes con dano cerebral provocado. Máis polo
miúdo, trátase de desenvolver un robot de aplicación clínica para
procesos de recuperación nos que estean mergulladas persoas que
fosen vítimas de doenzas como ictus ou accidentes
cerebro-vasculares. Inclúe asemade un sistema de realidade virtual
envolvente para permitir aos usuarios recrear actividades concretas
do seu quefacer diario e prepararse, deste xeito, para levalas a cabo
no plano real. Esta iniciativa está liderada por Balidea,
en colaboración co Hospital
POVISA, Aimen
Centro Tecnolóxico e as empresas DGH,
i3Te e Ficción
Producciones.
Segundo nos contan dende Balidea, do robot en
cuestión xa existe un prototipo operativo. “Consiste”, engade a
empresa, “nun brazo robótico que se ensambla ao brazo feble dun
paciente pola boneca ou a man e lle permite a realización de
diversos exercicios, asistíndoo segundo os seus déficits motores”.
Ademais de mellorar as habilidades do paciente, Balidea salienta que
o dito dispositivo permitirá realizar un seguimento obxectivo dos
progresos da persoa afectada polos danos cerebro-vasculares.
Ademais, a empresa destaca que a terapia robótica
ofrecerá ao doente unha serie de vantaxes respecto da terapia
convencional, como “poder levar a cabo moitas repeticións de
movementos sen erros e sen fatiga”, ou alongar os adestramentos
“sen necesidade de participación directa do terapeuta”. O
proxecto conta cun orzamento de 1,33 millóns de euros e está
co-financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) no marco do
programa ConectaPEME 2016, subvencionado polo Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Balidea lembra que para o desenvolvemento de
RECUPERA fixouse un prazo de 34 meses. A previsión é habilitar en
2018 en POVISA o prototipo perfeccionado no ano entrante. Unha vez
feita a súa validación clínica, pasará a integrarse no día a día
das salas de rehabilitación, completando o labor dos fisioterapeutas
e terapeutas.