Aproveitando a celebración primeira edición de Smart Weekend, LAN party que colle o relevo da histórica Arroutada Party no Coliseum da Coruña, desenvolveuse unha nova edición de Betabeers Galicia na cidade herculina, onde Esteban Vázquez e Antonio Varela (socios fundadores de Tesla Technologies & Software) impartiron un interesante relatorio técnico sobre o desenvolvemento de interfaces adaptables con HTML5, CSS3 e JavaScript, ao que seguiron as presentacións dun par de interesantes proxectos galegos: Avelino Correa deu conta da súa ferramenta CreAPPcuentos e Fátima Andrade explicou a súa experiencia de creación do marketplace con código aberto Saborplace. Completou a xornada Diego Fernández Meijide, correspondente de Galicia Open Future, que explicou a oportunidade se supón participar na iniciativa para emprendedores na que participan Telefónica e a Administración autonómica co apoio de Barrabés Internet.
Interfaces adaptables
O
relatorio principal desta XIII edición de Betabeers foi de grande interese para
desenvolvedores de aplicacións móbiles e web presentes, pois abordou o reto de
conseguir unha boa presentación da información de aplicacións en distintos
dispositivos (ordenadores, smartphones, televisores conectados, pantallas
táctiles...) para o que as tecnoloxías web están a consolidarse como o camiño
tecnolóxico máis empregado para tal fin. Esteban Váquez insistiu en que optar
por HTML5, CSS3 e JavaScript no desenvolvemento de aplicacións para varias
plataformas non só é unha boa opción para a creación de aplicacións, senón que
pode supor un importante aforro no seu mantemento, elemento que moitas veces se
obvia á hora de elixir plataforma de desenvolvemento.
Proxectos
As iniciativas galegas que
explicaron o seu desenvolvemento tamén resultaron de grande interese. CreAPPcuentos é un dos proxectos que está a
acadar máis recoñecementos na nosa comunidade nos últimos meses grazas ao enorme potencial
que ten esta ferramenta que permite crear contos interactivos dende tablets, o
que resulta de grande utilidade para fomentar a imaxinación dos cativos e a
interacción cos pais, pero estes logros poden non ser suficientes para poder
conseguir financiamento, de aí que Avelino Correa quixese compartir con outros
desenvolvedores o seu caso, e os atrancos que está a atopar para progresar no
seu proxecto.
Saborplace, pola
súa banda, serviu de exemplo de creación dunha tenda en liña baseándose en Prestashop, unha das solucións tecnolóxicas de comercio electrónico de
código aberto máis empregada a nivel mundial hoxe en día, comentando tamén
outras plataformas alternativas e algunhas das súas eivas.
Galicia Open Future
Ante a
inminencia da data de peche da recepción de candidaturas para participar en Galicia Open Future, o seu
correspondente, Diego Fernández Meijide, animou aos desenvolvedores a presentar
os seus proxectos, á vez que detallou as achegas económicas e en recursos
doutro tipo (asesoría, instalacións físicas, mentorización...) que esta
iniciativa inclúe, e que poden converterse no catalizador para que unha empresa
poida avanzar cara ao seu éxito.

