BlackBerry Messenger para iPhone e Android estrearase durante esta noite

luns, 21 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Hai xa un mes do lanzamento en falso do servizo BlackBerry Messenger (BBM) para Android e iPhone, e tras un adiamento bastante importante, por fin anuncian que o relanzamento global de ambas aplicacións móbiles para as vindeiras horas.
Dende BlackBerry aseguran que hai 6 millóns de persoas que están a agardar para instalar a súa aplicación de mensaxería instantánea no seu iPhone ou móbil con Android, e durante as vindeiras horas a espera chegará á súa fin, pois xa está en marcha o proceso de publicación desta ferramenta na App Store, en Google Play e nalgunhas Samsung App Stores.
Para facerse coa aplicación dende BlackBerry recomendan visitar dende o móbil a páxina web BBM.com, dende onde abrirase a tenda de aplicacións correspondente. Unha vez instalada a aplicación pedirase ao usuario que introduza o seu enderezo de correo electrónico, para entrar nunha cola de activacións da aplicación, mecánica coa que agardan evitar os problemas de colapso que frustraron o lanzamento desta aplicación hai un mes. Cando os usuarios poidan comezar a empregar a ferramenta recibirán un e-mail de aviso, aínda que os usuarios que xa se apuntaran anteriormente en BBM.com poderán acceder ao servizo sen ter que agardar.
A nova aplicación móbil permitirá a comunicación entre usuarios de BlackBerry, iPhone e Android en tempo real, tanto de xeito individual como en grupo, e aínda que hai quen ve esta solución como unha ameaza ao WhatsApp, o feito de que precise do intercambio de identificadores entre os usuarios (en vez de empregar directamente o número de teléfono) e a grande penetración dos seus competidores podería facer que este servizo chegase demasiado tarde para conseguir unha adopción masiva.

PUBLICIDADE