Bueu retrata o Social Media de Galicia na primeira edición de MexilOnseTuits

luns, 11 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Francisco Graña, director do Festival, conseguiu facer realidade este encontro no Morrazo

O Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu acolleu o pasado sábado o primeiro Festival de Social Media de Galicia coñecido como MexilOnseTuits, que ao acubillo de tal orixinal nome conseguiu xuntar a máis de 250 profesionais galegos do sector TIC e as Redes Sociais, que acudiron para coñecer asistir a un par de relatorios, a entrega dos premios do encontro e relacionarse en persoa con outros profesionais para establecer relacións cos mesmos e compartir experiencias.
Abriu o evento o director do Festival, Francisco Graña, acompañado polo alcalde do Concello de Bueu, Félix Juncal, e o presidente da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), Xosé Bangueses, destacando que entre os obxectivos do encontro está “converter Bueu nun punto de encontro para empresas da comarca e de toda Galicia que estean iniciándose no ámbito do Social Media e desexen buscar colaboración para poder seguir traballando no desenvolvemento”.

O condutor da gala, Xosé Manuel García, fotografou á audiencia cos seus dispositivos móbiles para somerxerse neste ambiente tan social


Tras a inauguración formal de MexilOnseTuits saíu a escena o presentador do programa da Radio Galega Come e Fala, Xosé Manuel García, quen fixo de condutor do evento con moito humor e dinamismo, e moi metido no ambiente, chegando incluso a instar aos asistentes a amosar os seus dispositivos móbiles para tirarlles unha fotografía dende o seu móbil, que compartiu a través de Instagram.

Relatorios animados

Rubén Bastón, principiou a quenda de relatorios do evento


Para que o MexilOnseTuits tivese máis contido que unha simple entrega de premios, contou cun par de interesantes relatorios de profesionais con grande experiencia na formación en Social Media e tecnoloxía, comezando por unha exposición sobre Medios sociais, medios experienciais, impartida por Rubén Bastón, de Elogia, quen quixo destacar distintos casos de éxito en redes sociais (sendo especialmente divertido o momento no que citou a Rodeiramar 2A, pois os responsables do proxecto estaban entre o público). Pero Bastón tamén soubo chegar ao público local, pois como bo natural de Bueu, soubo sinalar que antes de Facebook e Twitter, na vila xa existía unha auténtica rede social ao redor do Kiosko Otero. Unha curiosidade que, aparte de pechar un xeito orixinal un relatorio, tamén pode axudar a reflexionar sobre o feito de que coas redes sociais na Rede só estamos a vivir unha translación de fenómenos que xa viviamos no mundo real, só que a unha velocidade máis pausada.

David Serantes quixo adiantar o futuro dos móbiles no seu divertido relatorio


O blogueiro David Serantes tivo que coller o relevo de Bastón falando de Tendencias en Marketing Móbil, expondo numerosas tecnoloxía que poden mudar os dispositivos móbiles nos vindeiros anos, como pantallas con feedback táctil ou incluso terminais que poidan reaccionar aos impulsos do noso cerebro, cousas que hoxe poden parecer saídos dunha película de ficción científica, pero que poderían converterse nunha realidade cotiá, polo que temos que ser conscientes de que estamos ante un ámbito de constante innovación.

I Premios Galegos de Marketing en Medios Sociais


Gafa Vintage amosouse como un proxecto nacido dunha filosofía de vida

Pero o éxito de convocatoria do MexilOnseTuits non se limitou á presenza de profesionais no Auditorio, senón que xa viña precedida dunha inscrición masiva aos seus premios, con máis de 130 proxectos aspirando a recibir un galardón durante o evento, indo a parar o primeiro da mañá a Gafa Vintage, tenda en liña de lentes clásicas, que polo seu uso das redes sociais fíxose cun galardón á Mellor Campaña Low Cost.

Ángel Téllez, acompañado dun Stabri Twin, recolleu o premio en representación de Stabri


O premio á Mellor Integración Online/Offline foi a parar ao popular boneco viaxeiro Stabri, quen non puido recoller o seu premio en persoa por atoparse de viaxe, aínda que si pasou polo evento un dos seus promotores, Ángel Téllez, que levou un Stabri Twin, réplica a escala de Stabri que venden a través da Rede para atender á elevada demanda que provoca esta orixinal iniciativa.

O vídeo musical de Ah Moda recibiu un galardón que recibiu MapachiAH!


Unha das categorías que tivo un gañador máis claro foi a de Mellor Vídeo Viral, que recaeu en Ah Moda, tenda de roupa e complementos de novos deseñadores de Bilbao que optou por darse a coñecer na Internet cun divertido vídeo musical no que os responsables da tenda aparecían disfrazados de MapachiAH! & Conejo.


Vídeo musical de MapachitAH! & Conejo

A campaña de Elogia para Pizza Móvil tivo un grande éxito en redes sociais


O primeiro bloque de premios da mañá rematou co recoñecemento como Mellor Campaña en Canles Sociais para un traballo de Elogia para Pizza Móvil, no que instaban aos usuarios a remitir vídeos nos que fuxisen das tradicionais festas familiares de Nadal para pasalas coas amigos tomando pizza.

Manuel Gago agradeceu dende a distancia o galardón ao seu blog, Capítulo 0.


Tras unha pequena pausa, chegou a hora de entregar o Premio ao Mellor Blog Informativo/Cultural, que non puido facerse en persoa, xa que estaba ausente Manuel Gago, de Capitulo 0, quen agradeceu o galardón a través dunha mensaxe en vídeo, fórmula pola que tamén optaron os autores do Mellor Blog Turístico, Mola Viajar.

As mozas de Nyxstyle fixéronse coa categoría de Mellor Blog de Moda


Unha categoría moi rifada do certame oi a de Mellor Blog de Moda, que finalmente foi para a Nyxstyle, un blog de moda de Nyxphoto, obra da estilista Laura García e con fotografías de Sofía Centeno e Fanny Cal, que non dubidaron en posar no photocall do Festival con outras blogueiras de moda.

Alfonso López Alonso recolleu o galardón ao mellor blog gastronómico


Ao chegar ao Mellor Blog Gastronómico, o condutor do evento non soubo disimular o coñecemento do sector, e quixeron destacar a enorme calidade dos blogs desta categoría en todo o norte de España. Pero como só podía ir un candidato co premio para casa, finalmente recolleuno Alfonso López Alonso, de Recetas de Rechupete, quen aproveitou a ocasión para promocionar o seu libro Comer bien a diario.

Naranjalimón destacou como a Mellor Axencia 2011


E para rematar os premios oficiais, entregouse o galardón á Mellor Axencia 2011 a Naranjalimón, profesionais que tras recoller o trofeo quixeron amosar unha presentación na que instruían aos presentes sobre a necesidade do marketing, o que conseguiron humanizando un mexillón de Bueu.

Diego Pons contou a súa experiencia en Viajando con Diego


Para completar as 10 categorías, quixeron pechar a entrega dos premios cunha mención honorífica a Diego Pons, polo seu bo traballo en Viajando con Diego. Pons, narrou á audiencia o camiño que o levou á súa actual actividade, pois pasou de ser un músico a converterse nunha especie de vagabundo social, que conta cunha canle de vídeos en YouTube na que amosa alternativas ás guías de viaxe convencionais con destinos e actividades diferentes. Unha historia de reinvención profesional da que moitos poderían tomar nota.


Así amosa Viajando con Diego a cidade de Santiago de Compostela

Vocación de continuidade

Xosé Bangueses asegurou confiar na continuidade de MexilOnseTuits


Ao remate da xornada matinal, Xosé Bangueses, presidente de FECIMO, manifestou que o éxito do Festival superou as expectativas, e asegurou confiar en que o encontro vaia ter continuidade en vista da súa boa acollida.

Os gañadores dos primeiros premios MexilOnseTuits

PUBLICIDADE