CEL e Abanca premian a Miramar Cruises pola súa traxectoria emprendedora

xoves, 30 de xuño do 2016 Redacción

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Abanca entregaron este 30 de xuño o primeiro Premio CEL-Abanca ao Emprendemento na Provincia de Lugo, outorgado desta volta á firma Miramar Cruises, pola “súa traxectoria emprendedora, carácter innovador, xeración de emprego e riqueza, vocación de internacionalización e proxección de futuro”. Miramar Cruises, como temos sinalado dende Código Cero, é unha axencia de viaxes en liña especializada na venda de cruceiros. A empresa, desenvolvida no viveiro da Fundación CEL de Lugo, conta cunha plataforma web apoiada por un call center experto no segmento cruceirista e cun blog de seu, converténdose deste xeito nunha das start-ups de viaxe estais máis consolidadas. En 2014 tivo unha facturación de dous millóns de euros. Ao ano seguinte foi quen de duplicar a cifra.
O I Premio CEL-Abanca habilitouse en virtude dun acordo máis amplo subscrito entre ambas as entidades en 2015 e orientado a estreitar a colaboración en actividades “que redunden no progreso económico e a mellora social da provincia de Lugo”. Entre estas actividades estableceuse este galardón, dotado con 1.500 euros e que ten por obxectivo “impulsar e dinamizar a cultura emprendedora e o tecido empresarial na provincia”.
O acto de entrega do cheque coa dotación do premio e diploma acreditativo tivo lugar esta mañá na sede de AFundación, coa presenza de Walter Álvarez, director territorial de Abanca, José Manuel Mourelo, xerente de RSC de ABANCA, Jesús Quintá, conselleiro delegado da CEL, e Hugo Iglesias, director executivo e fundador de Miramar Cruises.
Miramar Cruises, como dixemos, é unha axencia online especializada na comercialización de cruceiros, conformada por un equipo de 15 persoas, multidisciplinar e con ampla experiencia no sector turístico, en xeral, e no segmento cruceirista, en particular. Trátase dunha das startup de viaxes con maior proxección no ámbito estatal, e que tras iniciar actividade a mediados de 2012 na Fundación CEL, conta a día de hoxe xa con sedes tamén en Barcelona e Marsella e facturou case catro millóns de euros en 2015 (dobrando o facturado en 2014, e cinco veces máis do facturado no seu primeiro ano completo de actividade, 2013). Dispón de máis de 2.700 opcións de cruceiros, acordos con máis de 30 compañías navieiras e xa embarcou a máis de 15.000 pasaxeiros desde o inicio da súa actividade, ademais de promover a creación de Nudoss.com, primeira rede social de cruceiros de Europa.

PUBLICIDADE