Cambre acolleu 500 promesas científicas na VII Open Science
luns, 23 de setembro do 2024
O concello coruñés de Cambre acolleu esta pasada fin de semana a sétima edición da súa Open Science, feira STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) para as novas xeracións e onde visualizar e probar o importante talento da rapazada. Foi organizada polo Concello e a Asociación Xuvenil XentD100 e reuniu a 500 estudantes de centros educativos de España, Portugal, Turquía e México, que expuxeron 90 proxectos científicos. No Facebook do Concello foron pendurados múltiples datos e fotografías que documentan o desenvolvemento da feira. Pola cita tamén pasou o CITIC poñendo o foco no seu proxecto Talentos Inclusivos.
A feira incluíu obradoiros, exposicións e moita creatividade. A culminación do evento foron os premios ás novas promesas da ciencia de Galicia, España e o estranxeiro. De feito, houbo galardóns para alumnado de primaria, secundaria e bacharelato, ademais de para proxectos que cumpren cos obxectivos de desenvolvemento sostíbel. Na entrega de galardóns participou a alcaldesa, María Pan, quen convidou á rapazada a que siga pola senda da aprendizaxe e participando neste tipo de iniciativas.
Previamente a feira foi inaugurada polas codirectoras desta edición, Aroa Silva Pouse e Paula Méndez Gómez, que logo do acto de apertura de actividades deron paso a unha fin de semana chea de experimentos científicos feitos polos máis novos e novas, charlas e obradoiros.
O evento contou coa presenta dun dos grandes centros tecnolóxicos do panorama estatal, o CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da Universidade da Coruña, que contou cun stand onde dar a coñecer as liñas de traballo do se proxecto Talentos Inclusivos, programa referente a nivel estatal centrado no desenvolvemento de tecnoloxías accesíbeis.
Durante a xornada, expuxéronse diversas actividades interactivas relacionadas co uso da tecnoloxía para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade. Así, presentouse un dispositivo desenvolvido para facilitar a pintura a persoas con mobilidade reducida e desenvolvéronse actividades de Realidade Virtual deseñadas para traballar habilidades cognitivas en persoas con discapacidade intelectual, a cargo de Iago Fernández Garrido. Tamén foi presentada unha adaptación de controis para videoxogos da Nintendo Switch con Paula de Santos á fronte da iniciativa. Amais, mostráronse xogos personalizados para persoas con discapacidade como Compra con-migo, deseñado para facilitar a inclusión de persoas con discapacidade na contorna cotiá.
Así mesmo, a project manager de Talentos Inclusivos, Irene Brage Vázquez, formou parte do xurado encargado de avaliar os diferentes recantos científicos e seleccionar os proxectos gañadores entre os 90 presentados.
O evento desenvolveuse en distintos puntos do municipio de Cambre, incluíndo o Parque da Igrexa, o Campo da Feira e o pavillón Sofía Toro.
O CITIC reafirma o seu compromiso coa ciencia inclusiva e a divulgación tecnolóxica, promovendo a participación e o talento de mozos investigadores en eventos como a Open Science Cambre 2024.