Canon aposta polo vídeo profesional portátil coa nova cámara EOS R6 V

mércores, 13 de maio do 2026 Redacción

Canon presentou a nova Canon EOS R6 V, unha cámara Full Frame da serie EOS V deseñada especificamente para a creación de vídeo, acompañada do obxectivo RF20-50mm F4 L IS USM PZ e dunha nova liña de accesorios orientados a creadores de contido e videógrafos avanzados. A proposta céntrase nun formato compacto pensado para gravación sen trípode nin gimbal, combinando estabilización integrada, gravación 7K e ferramentas profesionais de captura.
A EOS R6 V incorpora un sensor CMOS Full Frame de 32,5 megapíxeles capaz de gravar vídeo RAW 7K a 60 fotogramas por segundo, ademais de 7K Open Gate a 30 fps, unha funcionalidade que permite aproveitar toda a superficie do sensor para reencadrar posteriormente contido horizontal e vertical desde a mesma toma. Tamén ofrece gravación 4K sobremostreada ata 60 fps e vídeo 4K a 120 fps sen recorte para secuencias a cámara lenta.
O sistema Dual Pixel CMOS AF II integra seguimento avanzado de suxeitos orientado ao vídeo, mentres que o estabilizador integrado no corpo promete ata 7,5 pasos de compensación con obxectivos compatibles. Canon destaca especialmente o seu uso portátil, cun corpo compacto, empuñadura ergonómica e compatibilidade con gravación vertical grazas a unha rosca de trípode específica para ese formato.
Entre os elementos orientados á produción audiovisual figuran un ventilador interno para prolongar as sesións de gravación, audio de catro canles, perfís Canon Log 2 e Canon Log 3 para ampliar o rango dinámico e funcións de retransmisión UVC 4K a 60 fps mediante USB. Tamén permite disparos en refacho de ata 40 fps para fotografía.
Acompañando á cámara chega o RF20-50mm F4 L IS USM PZ, un novo obxectivo da serie L para montura RF que introduce zoom motorizado integrado sen precisar accesorios adicionais. A súa distancia focal abrangue desde os 20 mm ultra gran angular ata os 50 mm, mantendo apertura constante f/4 en todo o percorrido.
O sistema de zoom pode alternar entre control manual e motorizado desde un único anel, mentres que o deseño óptico interno mantén estable o centro de gravidade, algo especialmente relevante para uso con gimbals. Canon tamén salienta a posibilidade de controlar remotamente o zoom mediante a aplicación Camera Connect ou mandos Bluetooth como os novos BR-E2 e BR-E1.
A nova gama complétase con varios accesorios orientados á creación de contido. O mando BR-E2 introduce control Bluetooth Low Energy con funcións de zoom e compensación de exposición, mentres que o HG-200TBR combina trípode e empuñadura para gravación horizontal e vertical, incorporando controis dedicados para vídeo. Tamén se anunciou o conxunto AD-M1 Macro Lite Adapter Set, pensado para iluminación macro e control creativo con flashes.
A Canon EOS R6 V estará dispoñible a finais de xuño a un prezo de 2.499,99 euros só o corpo, mentres que o kit co obxectivo RF20-50mm F4 L IS USM PZ custará 3.699,99 euros.

Vídeo de presentación da nova cámara de Canon