Carballo contará cun espazo de emprendemento TIC impulsado pola Deputación

venres, 30 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña vén de dar un paso importante para facer medrar na provincia o traballo cooperativo e, en consecuencia, o emprendemento, a innovación, o pulo ao talento e a chegada de novas tecnoloxías ao mercado. En termos máis concretos, a entidade provincial aprobou a posta en marcha dunha rede provincial de centros traballo colaborativo para emprendedores, unha rede que xa comezou a fraguarse coa recente rehabilitación do Pazo de Arenaza (Oleiros) pero que agora estende as súas pólas cara a novos concellos (Boiro, Brión e Carballo) e, por suposto, novos horizontes. A iniciativa, incluída no Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, foi aprobada por unanimidade no pleno de hoxe. O centro de Carballo dará acubillo a 18 empresas do ámbito tecnolóxico.
O obxectivo a curto prazo, é que os ditos concellos coruñeses conten con centros de características semellantes ao de Oleiros, definidos por sectores e con cobertura comarcal, nos que a Deputación investirá máis de 305.000 euros. “O noso obxectivo é acompañar aos emprendedores na posta en marcha dos seus proxectos, prestarlles servizos e permitir que compartan experiencias, creando sinerxías e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Polo que respecta aos obxectivos a medio e longo prazo, o que se busca é crear unha extensa rede integral de espazos de traballo cooperativo e innovador, fixando “uns mecanismos de coordinación e colaboración comúns para a prestación de servizos ás empresas e emprendedores, que estará dotada con recursos suficientes para que estes servizos sexan eficientes e de calidade”. A Rede Provincial de Espazos de Traballo aglutinará tanto espazos de traballo existentes coma de nova creación, con independencia da súa tipoloxía (viveiros de empresas, centros de negocio e coworking).
Emprende LAB-Barbanza
Polo que se refire ao centro de Boiro, trátase do proxecto Emprende-LAB Barbanza, un espazo para o fomento e a creación e aceleración de novas empresas relacionadas con sectores estratéxicos para a comarca coma o conserveiro e de transformación de produtos do mar, o hostaleiro e o turístico. O espazo emprazarase nun local do polígono industrial de Espiñeira propiedade do Concello de Boiro, con 283 metros cadrados de superficie útil, que contará con 5 oficinas, sala de recepción, servizo de reprografía e sala para xestión e presentación de proxectos, así coma aseos e zonas comúns.
O convenio coa Deputación para este centro inclúe asistencia técnica para a dinamización empresarial (EmprendePoint), sostemento dos gastos correntes da instalación e actividades formativas que incluirán obradoiros, traballo en rede, programas de mellora de xestión empresarial e de asesoramento e seguimento e apoio para proxectos emprendedores.
Transformando en Brión
O Concello de Brión, co proxecto Espazo Colaborativo Transformando en Brión, aposta por “un ambicioso proxecto que contribuirá á mellora e modernización do sector primario”. Este espazo, en palabras da Deputación, será “pioneiro en Galicia e a súa actividade principal será a transformación de alimentos do sector primario de produtores locais dos municipios da comarca de Santiago”. O espazo, que se instalará na área comercial Monte Balado, contará cunhas instalación específicas para todo o proceso de transformación e contará co seu propio rexistro sanitario.

O pleno da Deputación de hoxe

Carballo e o sector tecnolóxico
Pola súa banda, o centro de Carballo estará orientado ao sector tecnolóxico e as empresas innovadoras. Emprazarase no complexo do Fórum Carballo, que abrangue cinco inmóbeis enfocados á prestación de servizos relacionados coa formación e o emprego nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte. O espazo da Deputación localizarase nun área de 156 metros cadrados do segundo andar do edificio 1. Terá capacidade para a instalación de 18 emprendedores, ademais de dispor de recantos para un/unha técnico de dinamización e un/unha auxiliar administrativo/a.
Por outra banda, o espazo de traballo cooperativo tirará proveito das infraestruturas do Fórum Carballo que sexan precisas para desenvolver as súas actividades (salas de formación, auditorio, salas de reunións, despachos...)
Nesta primeira fase levaranse a cabo accións de adecuación das instalacións do Fórum para acoller o centro, contratación do persoal encargado da xestión do centro e elaboración do regulamento de funcionamento do centro.
Nunha segunda fase levarase a cabo o proceso de captación e selección dos usuarios, a implantación da imaxe corporativa e accións de promoción e difusión.
No último treito do proceso, o equipo técnico avaliará as necesidades específicas dos proxectos empresariais implantados e “desenvolverá un programa formativo e traballos de mentoring para a consolidación e desenvolvemento dos proxectos empresariais”, informou a Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE