Catro tecnólogas referenciais celebrarán coa mocidade galega o Día das Rapazas nas TIC máis virtual

martes, 7 de abril do 2020 S. P.

O Día Internacional das Rapazas nas TIC será este ano, máis ca nunca, unha celebración do potencial das tecnoloxías para facer fronte común contra a adversidade e, tamén, unha conmemoración de todas as grandes cousas que teñen que dicir as nenas, as mozas e as mulleres en materia dixital. Será o 23 de abril a partir das 11.00 horas e este ano, por mor da pandemia de COVID-19, potenciarase unha vertente virtual que xa viña de antigo (todas as edicións galegas da xornada abriron xanelas en streaming cos institutos de secundaria da nosa terra).
O Día das Rapazas nas TIC vén da man da Secretaría Xeral de Igualdade e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Participarán catro tecnólogas galegas mostrando o seu día a día e a importancia de seguir preparando o terreo para a incorporación de novas profesionais do coñecemento e a innovación. Na cita, escolares de toda Galicia están convidadas e convidados a coñecer, da man das catro relatoras, importantes achados en materia de Intelixencia Artificial, videoxogos, comunicacións de radio e tecnoloxías de arqueoloxía moderna.
A cita galega, na que tamén xuntan forzas a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT) e a Asociación Puntogal, é a oitava convocatoria do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day). Celebrarase o vindeiro 23 de abril no CESGA e será retransmitida en directo a través de Internet de 11 a 12 horas para todos os escolares de Galicia.
Fórmula virtual
Este ano, debido á situación de Estado de Alarma pola pandemia do COVID-19, a xornada organizarase dunha maneira diferente mediante multiconferencia web. Será, en palabras da organización, “unha gran oportunidade para coñecer a catro protagonistas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todos e todas”.
A través destes catro relatorios, o alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo. Participarán catro mulleres galegas excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas:
· Amparo Alonso Betanzos é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial (AEPIA). Dirixe o grupo LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) que obtivo recoñecemento e premios internacionais polo seu traballo en IA aplicada a diferentes ámbitos. É investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC.
· María Fernández Hermida é unha artista dixital galega da industria dos videoxogos. Traballou no Estudio Gato Salvaje na creación de contornas 3D e guións para xogos. Desde hai tres anos é Women in Games Ambasssador (embaixadora das mulleres no videoxogo), ou sexa, integrante dunha organización internacional (Women in Games) que promove este ámbito do lecer tecnolóxico como “unha carreira para mulleres, que organiza charlas e apoia ás mulleres nesta industria”.
· Isabel Expósito Pérez é enxeñeira en Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo), na especialidade de Comunicacións de Radio. Traballa como técnica do laboratorio Antelia, que forma parte do grupo de investigación Sistemas Radio, recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. O grupo Sistemas Radio é un dos que conforman o centro AtlantTIC, centro de referencia a nivel internacional de investigación en Telecomunicacións da Uvigo.
· Patricia Mañana Borrazás é arqueóloga, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Ten máis de 20 anos de experiencia en escavacións arqueolóxicas, nas que estivo aplicando durante máis dez anos novas tecnoloxías á documentación patrimonial, como fotogrametría e escáneres de múltiples tipos, 3D, estacións totais, GPS, escáner de luz estruturada, láser de curto alcance e terrestre, etc.
Inscrición e instrucións para participar no evento
Segundo informan as entidades organizadoras, para participar neste coloquio en directo só é preciso enviar un correo electrónico a e-learning@cesga.es, indicando o curso e o centro ao que pertence o alumno e desde que localidade se conecta. Tamén é recomendábel indicar o tipo de dispositivo (se é unha computadora, unha tableta, un móbil…) co que se conecta.
Pódese seguir e difundir toda a información do evento e das actividades na web de eLearning do CESGA e no seu Twitter @ICTGoGirls.
Día Internacional das Rapazas nas TIC
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar positivamente as novas tecnoloxías para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL.
Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e MujeresTech.
A Secretaría Xeral de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza igualitaria no sector dixital, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas.

PUBLICIDADE