Caxigo.gal mellora a experiencia dos seus usuarios
venres, 30 de agosto do 2019- Caxigo.gal en plena Pena Trevinca, na montaña de Ourense
Este
mes de agosto, malia o xeneralizado parón de actividade estival, a
rede social galega Caxigo.gal subiu
novos chanzos na procura de ofrecer a mellor experiencia aos seus
usuarios: unha experiencia optimizada que se complementa con novas e
interesantes funcionalidades. Segundo nos contan os responsábeis de
Caxigo, as melloras son aplicábeis ao deseño, ás funcionalidades
da rede e, tamén, ás posibilidades que ofrece a
aplicación móbil, recentemente remodelada.
“A
nosa idea”, sinalan a respecto das devanditas optimizacións e das
que están por vir, “é que os usuarios sigan desfrutando desta
rede, xa que é de todos os galegos e galegos, unha ferramenta
autóctona e propia do noso país incesante, que non obedece a ningún
tipo de censuras, presións, subordinacións ou chantaxes”.
Caxigo.gal,
como lembraremos, é unha iniciativa da Asociación pola Promoción e
Dignificación do Galego, APRODIGA, e de Marcos Suárez, fundador e
creador de Caxigo. A andaina da rede social galega comezou en 2012,
coa idea de brindar á nosa comunidade internauta, ampla e estendida
polo mundo enteiro, “unha fermosa e saudábel andaina tecnolóxica
sen retorno”.