Centros de Betanzos, Mondoñedo e Ferrol conseguen os premios do II Torneo de Robótica da Escola Universitaria Politécnica

xoves, 28 de marzo do 2019 Redacción

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, e o director da Escola Universitaria Politécnica (EUP), Andrés Piñón Pazos, entregaron hoxe os premios aos gañadores do II Torneo de Robótica que acolleu o centro. O equipo de Las Robóticas, do CPR Nuestra Señora del Carmen de Betanzos, e os MONDOBOT 5, do IES San Rosendo de Mondoñedo, acadaron o primeiro e segundo premio na Categoría Barrendeiro. O equipo de Las Robóticas conseguiu tamén o primeiro premio na Categoría Segueliñas. O segundo foi para Chicas al Poder!, tamén do CPR Nuestra Señora del Carmen de Betanzos. Por último, na Categoría Sumo, resultaron galardoados os MONDOBOT 1, do IES San Rosendo de Mondoñedo, e os Pacadia, do IES Sofía Casanova de Ferrol.
Foron máis de 170 estudantes de ESO, Bacharelato e FP os que participaron no II Torneo de Robótica que organizou a Escola Politécnica Superior. Nesta segunda edición, participou alumnado do CPR Nuestra Señora del Carmen, de Betanzos; do IES Cabo Ortegal, de Cariño; dos IES Eduardo Blanco Amor e Rego da Trabe, de Culleredo; dos IES Ferrol Vello, Sofía Casanova e Catabois, de Ferrol; do IES San Rosendo, de Mondoñedo; do IES Ortigueira, de Ortigueira; do CPI de Atios, de Valdoviño; e mais do CIFP Ferrolterra.
Divididos en 39 equipos, os estudantes tiveron que superar tres retos: un sigue liñas con obstáculos, a proba do Barrendeiro e unha competición de sumo. No sigue liñas, o robot tiña que seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles obstáculos que se interpoñan no seu camiño. Na proba do Barrendeiro, empregaron algoritmos similares aos que utilizan as aspiradoras ou as máquinas de cortar o céspede para barrer todos os obxectos do taboleiro. Acadou a maior puntuación aquel equipo que conseguiu o obxectivo marcado no menor tempo posible. Por último, na competición de sumo, os equipos mediron as súas forzas nun cara a cara no que debían expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo.

PUBLICIDADE