Chega a plataforma galega Benmercado.gal, o Amazon da nosa economía solidaria

venres, 21 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A economía ética, a que ten a vontade de crear riqueza pero tamén de axudar, semella estar pechando fileiras a través das novas metodoloxías de promoción, comunicación e venda. Na punta de lanza deste movemento, levando a iniciativa e abrindo camiños pioneiros a nivel estatal, atópase unha plataforma galega, Benmercado.gal, en palabras de Ana Lorenzo, responsábel do proxecto, “o Amazon da economía social e solidaria”. A iniciativa presentarase na Mostro do Posible (os días 6 e 7 de outubro en Cangas).
Trátase dunha plataforma en liña que brindará aos produtos éticos da nosa terra un espazo de seu en Internet, e na que os consumidores terán ao seu dispor bens e servizos con garantía de sustentabilidade e respecto polo medio e polos dereitos das persoas. Segundo engade Ana Lorenzo acerca do papel vangardista do portal, malia existir outras propostas que buscan aproveitar a Rede para mostrar e vender este tipo de bens, Benmercado.gal é a primeira plataforma creada especificamente para potenciar e canalizar a venda en liña de produtos éticos.
Segundo engade, a plataforma está dirixida ao mercado galego e garante que os produtos que ofrece sexan de proximidade e estean feitos por empresas comprometidas coa creación dunha sociedade máis xusta e sustentábel. Ademais, explica, facilita o contacto directo entre empresas produtoras e o público consumidor que busca produtos e servizos acordes coas súas ideas e valores.
Porén, Lorenzo tamén fai saber que non se trata dunha comunidade cen por aberta e dispoñíbel para todo tipo de iniciativas de mercado. Cómpre cumprir cunhas garantías de compromiso social: “Non todas as empresas poden facer uso desta plataforma, Benmercado.gal está dirixida a aquelas empresas galegas que funcionan con criterios éticos, democráticos, ecolóxicos e solidarios”.
O sábado 6 de outubro ás 11:00 da mañá presentarase a iniciativa do Mercado Social Galego e poderase coñecer de primeira man o funcionamento de Benmercado.gal no marco da Mostra do Posible na Alameda Nova de Cangas do Morrazo.
A Mostra do Posible é un encontro de Movementos Sociais e empresas de Economía Solidaria, aglutinando gran parte do tecido social galego e co obxectivo de mostrar que “son moitas as entidades que realizan propostas prácticas que permiten construír unha sociedade máis xusta”.

PUBLICIDADE