Chega a plataforma galega Opositatest.com, a antesala online das oposicións

luns, 6 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

Estudar para unhas oposicións non é tarefa doada polo que calquera ferramenta que bote unha man para facer máis levadeiro o traballo é sempre benvida. Con isto en mente botaba a andar hai seis meses na cidade da Coruña, Opositatest.com , unha start-up con capital 100% galego e nada co gallo de adaptar o estudo das oposicións ás novas tecnoloxías. Emporiso, cómpre concretar, Opositatest.com vai encamiñada aos opositores do mundo da xustiza, e como novidade, dicir que estamos perante o primeiro proxecto de oposicións que actualizou o seu temario conforme á última reforma do Código Penal.
Dentro das oposicións existentes, as de Acceso á Carreira Xudicial e Fiscal e ao Corpo de Secretarios Xudiciais son dous das máis prestixiosas do Estado e que maiores dificultades entrañan. A devandita web nace dunha necesidade, a dun grupo de opositores e exopositores que demandaban con urxencia novas ferramentas para achandar o camiño ás devanditas probas. Por iso, para dar solución ao seu problema, creouse un equipo interdisciplinar composto por mozos enxeñeiros informáticos, licenciados en Dereito e opositores, para abranguer todos os aspectos que a creación dunha ferramenta en liña destas características.
Quen visite Opositatest.com verá que o espazo está centrado na preparación da primeira proba das citadas oposicións, proba que consiste na resolución dun cuestionario tipo test.
Subliñar que existe a posibilidade de que o usuario (partindo da base de datos) poida crear unha chea de tests personalizados, incluídas probas completamente aleatorias que simulan e reproducen un exame real da oposición diferente cada vez.
Isto acompañado doutra funcionalidade nova, o seguimento personalizado. Mediante fórmulas matemáticas e gráficos conseguimos que os usuarios poidan saber e coñecer en todo intre a súa evolución, o seu progreso ou a súa posición en relación con outros.

PUBLICIDADE