Chegan ás tendas os altofalantes conectados de IKEA

venres, 2 de agosto do 2019 Marcus Fernández

O pasado mes de abril IKEA anunciou a súa intención de vender altofalantes conectados este verán grazas a un acordo con Sonos, compañía especializada precisamente en equipos de son conectados á Rede, e finalmente estes produtos xa chegaron ás tendas (incluíndo a de IKEA na Coruña) de xeito que podemos adquirir un altofalante Wi-Fi balda Symfonisk por 99 euros ou unha lámpada de mesa con altofalante Wi-Fi Symfonisk por 179 euros, ambos dispoñibles en cor branca ou negra.
A lámpada de mesa Symfonisk presume de ser a mellor lámpada con son do mundo, e ao integrar dous produtos nun pretende casar mellor na decoración do fogar e aforrar un enchufe. O altofalante é compatibles con AirPlay 2 (de xeito que é doado empregalo dende os dispositivos de Apple) e pode integrarse con outros dispositivos de Sonos e as súas aplicacións (o que facilita a reprodución de música en streaming de multitude de servizos). Para conseguir son estéreo poden emparellarse un par de altofalantes e no caso da lámpada tamén cómpre advertir que non inclúe a lámpada LED E14 de 7 watts que precisa para dar luz (e que en IKEA vende por 10 euros).
O altofalante balda Symfonisk é un produto máis rechamante, pois aínda que a simple vista pode parecer un altofalante vertical normal e corrente, está deseñado para unha colocación vertical ou horizontal, así como para fixalo á parede e empregalo como estante, buscando así aforrar espazo nas estancias nas que se instale. Tamén é compatible con AirPlay 2 e a aplicación de Sonos, e para a instalación en paredes é preciso adquirir uns ganchos (que véndense a un prezo de 6 euros).
Temos así como IKEA non compite con marcas como Amazon en prezo á hora de vender os seus altofalantes conectados, senón que a súa estratexia é moi diferente, e o que busca é converter os dispositivos musicais domésticos en elementos funcionais do fogar que case coa decoración e non se vexan como produtos tecnolóxicos.

Vídeo promocional dos produtos Symfonisk de IKEA e Sonos

PUBLICIDADE