Científicos do CITIC traballaron no desenvolvemento dunha aplicación para detectar pólipos de colon

xoves, 29 de abril do 2021 S. P.

Os investigadores do CITIC Cristian R. Munteanu e Alejandro Pazos desenvolveron unha aplicación móbil con Intelixencia Artificial para a detección de pólipos de colon en imaxes de colonoscopia. Fixérono en colaboración cun grupo internacional de programadores XLandC e a Rede Galega de Investigación sobre Cancro Colorrectal (REGICC). O equipo creou a ferramenta Polyp detector, unha aplicación gratuíta que se pode descargar desde Google Play.
Segundo explican fontes do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, trátase “dunha implementación dun modelo de aprendizaxe profunda (Deep Learning) no formato Tensorflow Lite e programada en Flutter”.
Ademais de ser gratuíta e sen publicidade, esta aplicación é privada, polo que non envía datos a ningún servidor e todas as predicións son locais no propio dispositivo. O CITIC engade que a precisión da predición desde imaxes ou tomando fotos coa cámara é de máis dun 93 %. Amais, trátase dunha aplicación prototipo que se seguirá a enriquecer no futuro para converter en realidade estendida a detección de pólipos de colon en vídeos de colonoscopias.

PUBLICIDADE