Cinfo achega á UDC unha tecnoloxía que facilita a comunicación nas clases presenciais e a distancia
martes, 16 de febreiro do 2021
A
Universidade da Coruña vén de dar un relevante paso en materia de
dixitalización docente, da man das tecnoloxías postas en xogo pola
empresa Cinfo, con sede no Campus de Elviña (no edificio do CITIC).
En
concreto, o Grupo de Competencia e Desenvolvemento da UDC implantou o
sistema Edustream da dita firma coruñesa, referente en
tecnoloxías de produción automática. O sistema, que acurta a
distancia entre espazos físicos e virtuais (facilitando a
comunicación entre estudantes e profesores, tanto se participan de
xeito presencial nas clases como se o fan a distancia) habilitouse na
Facultade de Economía e Empresa.
A
solución Edustream personalizada deseñada por Cinfo púxose a punto
nas clases do Mestrado da UDC en Innovación e Estratexia Dixital.
Permite que o profesor poida dar a súa clase con normalidade e que
os alumnos que están conectados remotamente poidan velo coma se
estivesen fisicamente na aula.
O
sistema, utilizando algoritmos de Intelixencia Artificial, “segue
ao profesor se se move na aula para que o alumno sempre o vexa e
escoite perfectamente”, explican dende Cinfo, engadindo que permite
ter acceso ao que se escribe no encerado mediante capturas de imaxe
que se van gardando en tempo real. Amais, posibilita visualizar
calquera proxección que se faga na aula.
Unha
das súas grandes vantaxes, apuntan dende Cinfo, é que todo o
sistema combínase cunha solución de stream adaptativo para
que o alumnado que fique en casa poida seguir a clase con
independencia da calidade da súa conexión a Internet.
Amais,
Cinfo adaptou o sistema para que se puidese xestionar toda a solución
desde un computador situado na aula, combinándose dúas cámaras
(unha que segue os movementos do profesor en tempo real e outra que
enfoca aos alumnos), tirando proveito dun sistema de son de alta
calidade e integrando todo o conxunto coa ferramenta de
vídeo-conferencia Microsoft Teams.
O
sistema complétase con dous monitores. Nun proxéctase o interface
de Microsoft Teams (a solución implantada permite personalizar a
vista de Microsoft Teams que se ofrece mesmo mesturando dúas vistas
ao mesmo tempo) para que todo o alumnado sexa quen de verse e poida
participar en calquera momento, e noutro monitor poden compartirse
presentacións tanto dos alumnos ou profesor presentes na aula como
cos que están remotamente.
“Estamos
moi contentos coa calidade da emisión e os alumnos tamén agradecen
ter un sistema interactivo como este”, mencionou Andrés Faíña,
co-director do dito mestrado e presidente do Grupo de Competencia e
Desenvolvemento da UDC.
Pola
súa banda, Antonio Rodríguez del Corral, director executivo de
Cinfo, remarcou “a importancia destas solucións de ensino, que
viñeron para quedar e eliminar barreiras, para que todos poidan
acceder ao mellor ensino, estean onde estean”.