Comeza en Oleiros e Carballo a proba piloto do proxecto Geria-TIC, no que traballa o CITIC

venres, 23 de febreiro do 2018 Redacción

A proba piloto do proxecto Geria-TIC da Universidade da Coruña xa está en marcha. Concretamente, nas dependencias de DomusVi Geriatros Oleiros e DomusVi Geriatros Carballo . Segundo informa o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, un total de 10 pacientes do centro de Oleiros e 6 do de Carballo xa fan uso de pulseiras portábeis (wearables) e a plataforma ClepIO que, entre outras vantaxes, posibilitan o seguimento da actividade física, do sono e das ocupacións diarias dos usuarios, de face a estudar a problemática das caídas e a calidade do descanso dos participantes.
O proxecto está impulsado por un consorcio formado polas empresas Geriatros, Aldaba e a Clínica Cobián, xunto con investigadores da área de Percepción, Cognición e Interacción do Centro de Investigación TIC da UDC e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). O obxectivo, segundo explican é “desenvolver un modelo de medicamento participativo con persoas maiores mediante o uso de dispositivos wearables: pulseiras de medición de actividade e acelerómetros”. Polo tanto, o que se procura é acadar melloras relevantes na prevención de caídas e calidade do sono dos usuarios dos centros. No proxecto tamén se aborda a problemática da incontinencia urinaria, cuxa proba piloto iniciarase no centro DomusVi Geriatros da Cidade na Coruña.
Os investigadores do CITIC que participan no proxecto, liderados profesores Alejandro Pazos e Javier Pereira, deron forma aos aspectos tecnolóxicos e de investigación da iniciativa, aspectos que permitan realizar un seguimento dos parámetros. Este labor de monitoraxe levará a cabo a través da plataforma ClepIO e, ademais de xerar métricas de utilidade para aplicar melloras en cada aspecto, ten como obxectivo crear “un novo modelo de prestación de servizos sociosanitarios, no que os residentes tomen conciencia do autocoidado e a responsabilidade na propia saúde, facéndoos partícipes do seu benestar”. Ademais, permite “que os familiares poidan estar informados en tempo real do estado e as melloras na saúde dos seus maiores”.
O proxecto Geria-TIC, orzado en 765.191 euros, está co-financiado por GAIN (Axencia Galega de Innovación) a través do Programa Conecta PEME 2016 e conta con fondos FEDER da Unión Europea. Na súa avaliación alcanzou a segunda mellor cualificación, de todos os da nosa Comunidade, entre as case 200 solicitudes presentadas.

PUBLICIDADE