Convocada a terceira edición do certame de podcasts en galego Xosé Mosquera Pérez

martes, 16 de febreiro do 2021 Redacción

O IES Rosalía de Castro de Santiago e Arraianos Producións, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e doutras entidades, convocan a terceira edición dos Premios de Podcasts en galego Xosé Mosquera Pérez O vello dos contos, uns galardóns cos que se pretende estimular a presenza da nosa lingua nos arquivos sonoros dixitais acubillados nas redes ao tempo que se fai un impulso á creatividade o talento radiofónico da nosa rapazada.
Poderá concorrer a estes premios o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de educación primaria e de secundaria de Galicia, así como doutros centros de ensino non universitario e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra de Galicia. Tamén poderán participar estudantes de 10 a 18 anos de centros públicos do norte de Portugal.
Aceptaranse podscasts (arquivos de radio dixitais) orixinais e inéditos de un máximo de 3 minutos de duración relacionados coa vida e a obra de Xela Arias e outros aspectos relacionados co patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e do norte de Portugal.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de marzo de 2021, día do cabodano de Xela Arias. O prazo de presentación dos traballos remata o 17 de maio de 2021, Día das Letras Galegas.

PUBLICIDADE