Corunna Innovate Summit prosegue este venres con diferentes aplicacións prácticas da IA na industria

venres, 27 de outubro do 2023 S. P.

A empresa Data Spartan organiza esta semana (xoves e venres) o evento Corunna Innovate Summit, un congreso que se está a desenvolver no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, no que se afronta a revolución que supoñen a Intelixencia Artificial (IA), a ciencia de datos e Internet. Logo da inauguración do foro (este xoves a cargo do investigador Luis Muñoz-González, da empresa Telefónica, seguido de Natalia Elvira, responsábel de produto na plataforma de etiquetado de datos Argilla) este 27 venres as xornadas comezaron con José Manuel Maseda Valle, socio fundador de Wapping, plataforma omnicanle de intelixencia para o sector retallista, quen falará de como transformar a experiencia do cliente a partir dos datos.
A continuación, Laura Pereira Mauri, responsábel de Industria 4.0 en Inova, explicará aos asistentes como transformar un proceso de control de calidade industrial a partir da IA.
Despois dunha breve pausa, será a quenda de Bruno Cabado, do departamento de desenvolvemento de produto da firma galega Cinfo, coa súa presentación Alquimistas dixitais: transformando imaxes en ouro.
A continuación Lois Orosa, o director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), centrará a súa exposición na computación cuántica. Para rematar a xornada da mañá, Paco Nathan, socio director da empresa Derwen, Inc. impartirá unha conferencia sobre linguaxe, grafos e intelixencia artificial na industria.
Despois do xantar networking, ás 15:30h. Salman Hussain, co-fundador de Zeed, ilustrará aos asistentes sobre o uso da IA para resumen de datos financeiros, para dar paso a Amparo Alonso, catedrática de Informática e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña e investigadora do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC), que reflexionará sobre os mitos e realidades da IA.
A xornada da tarde rematará cunha presentación e visita á Cidade das TIC guiada por Roberto Pérez Rodríguez, director do Clúster TIC de Galicia.
O evento conta coa colaboración do Concello da Coruña, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, e o Cluster TIC.

PUBLICIDADE