Cristina Blanco, Verónica Bolón e Beatriz Pelaz reciben o Premio Nacional de Investigación para Mocidade 2024

xoves, 3 de xullo do 2025 S. P.

Madrid acolleu este 3 de xullo o acto de entrega dos Premios Nacionais de Investigación e Premios Nacionais de Investigación para Mozos 2024 presidido polo Rei Felipe VI. Na gala foron recoñecidas Cristina Blanco, Premio Nacional de Investigación María Moliner na área de Humanidades; Verónica Bolón, Premio Nacional de Investigación María Andresa Casamayor na área de Matemáticas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, e Beatriz Pelaz, o Premio Nacional de Investigación Felisa Martín Bravo na área de Ciencias Físicas, dos Materiais e da Terra. No acto participaron a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, e os reitores da UDC e a USC, Ricardo Cao e Antonio López.
Cotelo destacou o talento excelente co que conta Galicia no eido da investigación, que nunca antes tivo tantas persoas dedicadas á I+D nin tantas mulleres, “un dato que demostra que en Galicia aproveitamos o talento e avanzamos en superar a fenda de xénero”.
As premiadas
Cristina Blanco, investigadora distinguida sénior na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, mereceu o recoñecemento María Moliner na área de Humanidades pola súa excelente carreira científica en Historia Contemporánea, a súa destacada traxectoria no ámbito internacional e os seus recoñecidos estudos sobre o proceso de integración europeo.
Pola súa banda, Verónica Bolón, profesora titular da Universidade da Coruña no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información e investigadora no CITIC, foi recoñecida co Premio Nacional de Investigación María Andresa Casamayor. Neste caso, o xurado destacou “o seu excelente traballo en múltiples áreas da aprendizaxe automática, en concreto na investigación para a promoción da sustentabilidade da Intelixencia Artificial, usando os seus algoritmos para a diagnose de enfermidades ou a detección de vertidos no océano”.
Por último, Beatriz Pelaz, investigadora Oportunius no CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela, recibe o Premio Nacional de Investigación Felisa Martín Bravo na área de Ciencias Físicas, dos Materiais e da Terra pola excelencia e calidade do seu traballo con marcado recoñecemento internacional e o seu liderado e independencia científica no eido dos nanomateriais avanzados con aplicacións terapéuticas. O xurado destacou na súa investigación “o control das propiedades fisicoquímicas dos materiais para determinar o seu comportamento biolóxico e o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía para a modificación da superficie de nanopartículas mediante o uso de origamis de ADN”.