Cullerciencia celebra a súa VII edición con máis de 35 carpas e coa participación do CITIC
venres, 6 de xuño do 2025
O Concello de Culleredo e o CEIP Ría do Burgo celebran esta finde a sétima edición de Cullerciencia, unha feira xa consolidada en Galicia e que reúne cada ano a centos de visitantes. Será o sábado, 7 de xuño, de 12:00 a 19:00 horas na explanada do Paseo Marítimo do Burgo.
O alcalde, José Ramón Rioboo, a tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, a directora do centro, Uxía Sedes, e a coordinadora do Club de Ciencia e secretaria do centro, Ana María Nicolás, foron os encargados de dar a coñecer os detalles desta edición no acto de presentación, onde se desvelaron os aspectos máis importantes desta feira científica escolar que promete ser “unha xornada chea de experimentos, proxectos creativos e actividades interactivas para toda a familia”.
Indicaron que este ano haberá un total de 36 carpas, que se dividirán entre 26 participantes, entre os cales hai 8 centros de educación infantil e primaria, 5 institutos e 13 entidades e asociacións, todos eles coa súa propia proposta baseada nos traballos e investigacións científicas realizadas.
Sinalaron tamén que “os grandes protagonistas serán os centros escolares, destacando non só a presenza dos centros do municipio, senón tamén doutros chegados desde concellos como Cerceda, Meis, Cambre ou A Coruña, aínda que chegarán visitantes de moitos outros centros”.
Amais, haberá postos de distintas facultades e de entidades ou asociacións como a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, FEGEREC, CITMAGA, CEIDA, EnseñoLabs e Brico Labs.
Programa
O evento contará cunha variada programación coa ciencia como protagonista que dará comezo ás 12:00 horas nun acto inaugural no que actuará a Agrupación Folclórica Ancoradoira. Despois, abrirán os diferentes postos, que estarán dispoñibles durante toda a xornada.
Ás 13:00 horas, realizarase unha mesa redonda que este ano substituirá ás charlas. Estará moderada polo director de Radio Culleredo, Francisco Díaz, e contará coa participación do alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo; a tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo; a Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a directora executiva do CETIM, Lucía Camiño; o director da Open Science – Cambre, José Viñas; o director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez e o representante do club de ciencia do CPI do Mosteiro – Meis, Camilo Ojea.
Ás 14:00 horas celebrarase unha comida comunitaria entre todos os participantes, seguindo coa xornada xa en horario vespertino, ata as 19:00 horas, cando rematarán todas as actividades.
O CEIP Ría do Burgo difundirá a cita, realizando retransmisións en streaming a través da súa canle na plataforma Twitch e na radio escolar, aínda que tamén se está barallando a posibilidade de retransmitir en directo a través da canle de Youtube do centro.
Participación (un ano máis) do CITIC
Este sábado, 7 de xuño, o proxecto Talentos Inclusivos participará en Cullerciencia formando parte da haima do CITIC, que contará cun programa de actividades desde as 12:00h ata as 14:30h.
A axenda de actividades na haima número 26, a do CITIC (Talentos Inclusivos), inclúe as seguintes presentacións-demostracións: Proxecto RePo-SUDOE: Que é a bioinformática?, da man de Carlos Fernández Lozano e Lucía Martínez; Cátedra INDITEX-UDC: Que é a IA verde?, a cargo de Eva Soto, María Merelas e Daniel Vila de la Cruz; Proxecto tuTIC: circuítos e sensores, da man de Adriana Dapena e Paula Castro; Proxecto TICARE: Realidade Virtual, xogos para o traballo de habilidades cognitivas en persoas con discapacidade intelectual, coa presenza de Iago Fernández; Proyecto TICARE: Switch, Mario Kart con adaptación para o manexo de mando a través do tronco ou da cabeza, presentado por Jorge Rivadulla; e Proxecto Talentos Inclusivos: Demostración de pintura con produto de apoio para a cabeza, a cargo de Irene Brage.