Cyberpunk 2077 chega a Mac esta semana

martes, 15 de xullo do 2025 Marcus Fernández

O xogo Cyberpunk 2077, tras un lanzamento moi accidentado conseguiu redimirse e converterse en todo un éxito no mundo dos videoxogos, ampliando cada vez máis o seu alcance, de xeito que tras pasar por PC, PlayStation e Xbox, chegou recentemente a Nintendo Switch 2 e incluso ao servizo de subscrición PlayStation Plus, preparando así o terreo para a súa futura secuela.
Pero unha das plataformas para as que seguía ausente era Mac, pese a que se anunciara a súa chegada a ordenadores de Apple o ano pasado, e incluso a compañía de Cupertino presumía do xogo o pasado mes de marzo ao presentar o novo Mac Studio, quedando claro que esta versión non é unha prioridade para CD Projekt Red.
Agora confirman que este xoves chegará a Cyberpunk 2077: Ultimate Edition a actualización 2.3, que entre as súas novidades inclúe a adaptación do xogo a ordenadores con procesadores Apple Silicon. Non falamos só de que o xogo vaia estar dispoñible na Mac App Store, senón que tamén serán compatibles con macOS as versións do xogo dispoñibles en Steam, GOG e a tenda de Epic Games.
Para poder gozar de Cyberpunk 2077 nun Mac será preciso contar cun que como mínimo estea equipado cun procesador M1 e 16 GB de memoria unificada. O xogo tirará proveito da tecnoloxía Metal 4 para un bo desempeño gráfico e foi sometido a un proceso de optimización para evitar que padeza os problemas da versión para PlayStation 4 (que no seu día Sony tivo que retirar da PlayStation Store por ser inxogable).