Dano Cerebral Galicia e Lugo exploran no CITIC aplicacións de VR para a recuperación funcional
venres, 11 de abril do 2025
O CITIC da UDC recibiu recentemente a visita de representantes das entidades Dano Cerebral Galicia e Dano Cerebral Lugo, quen mantiveron un encontro co investigador Manuel Lagos para coñecer e probar varias das aplicacións de Realidade Virtual (VR) desenvolvidas no centro. Estas ferramentas, deseñadas especificamente para a rehabilitación física e cognitiva de persoas con dano cerebral adquirido, supoñen en palabras do CITIC “un importante avance no uso das tecnoloxías con fins terapéuticos”.
Durante a xornada, os visitantes tiveron a oportunidade de experimentar en primeira persoa con algunhas das solucións que se están a desenvolver no marco de diferentes proxectos de investigación. Unha delas foi VR Home Activities, unha aplicación que simula actividades da vida diaria como preparar o almorzo, colocar froita nun froiteiro ou empregar cubertos. O seu obxectivo é “traballar tanto as capacidades motoras como cognitivas, a través de contornas virtuais que resultan familiares e funcionais para os usuarios”.
Tamén puideron coñecer ATENDIS-VR, unha aplicación desenvolvida polo CITIC en colaboración coa Fundación ADCOR, e financiada pola Axencia Galega de Innovación a través do programa InnovaPeme 2023. Esta ferramenta ofrece un conxunto de actividades de estimulación cognitiva deseñadas para o seu uso con dispositivos Meta Quest 2 e 3. Consta de sete exercicios diferentes con niveis de dificultade adaptativos, pensados para reforzar de forma integral as capacidades físicas e cognitivas dos usuarios, “fomentando a súa implicación a través dunha experiencia inmersiva e accesible”.
A visita incluíu tamén unha demostración do Supermercado 4.0, un proxecto seleccionado na segunda convocatoria do Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común. Esta aplicación recrea unha contorna de supermercado no que as persoas poden practicar tarefas como buscar e seleccionar produtos, xestionar a cesta da compra ou realizar o pago en caixa. O obxectivo é traballar habilidades instrumentais que favorezan a autonomía en actividades cotiás.
O encontro permitiu mostrar o potencial da Realidade Virtual en procesos de rehabilitación e explorar posibles vías de colaboración futura entre o CITIC e as asociacións de dano cerebral.
As visitas enmárcanse na liña de traballo de compromiso do centro co desenvolvemento de solucións tecnolóxicas aplicadas ao ámbito sociosanitario, apostando por unha innovación inclusiva e centrada nas persoas.
