Deborah García e Girl STEM animan ás rapazas de Lugo a ser innovadoras

luns, 8 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe subiu un novo chanzo o programa Girl STEM, impulsado pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a axencia AMTEGA para derrubar estereotipos, ideas preconcibidas e falsas crenzas en materia de ciencia, novas tecnoloxías e mocidade: unha morea de prexuízos que levan anos tentando convencernos de que a ciencia e as novas tecnoloxías son cousa de homes (cando resulta que as empresas innovadoras son máis innovadoras e competitivas cantas máis mulleres haxa nas súas fileiras). O programa, que se compón de relatorios con referentes femininos en ámbitos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), achegou hoxe unha cita coa influencer científica Deborah García, natural da Coruña. Foi unha xuntanza coa mocidade do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo.
Ante máis de 100 rapazas e rapaces do centro, a relatora falou da súa experiencia divulgando nas redes (onde ten máis de 30.000 seareiros) e fixo un percorrido detallado polas dificultades que teñen as mulleres para abrirse camiño nas contornas científico-tecnolóxicas: “Antes, cando ía a un acto de divulgación, moitas veces sentía que se forzaba a paridade e sempre me preguntaba se me chamaban por ser muller ou porque realmente lles gustaba o meu traballo”, reflexionou.
Sobre a situación das mulleres científicas na actualidade, Deborah García considera que é necesario “equiparar as baixas de maternidade e paternidade para que ambos proxenitores repartan as cargas”. Ademais, dixo que “o ámbito da investigación científica é moi duro, porque esixe moitas horas e desprazarse continuamente de cidade en cidade, algo que moitas mulleres que deciden ser nais non se poden permitir”, explicou.
Por outra banda, mostrou o seu convencemento na escasa recompensa económica que reporta a investigación a quen traballa nela e para ela: “Ten que cambiar o sistema público de contratación para as persoas investigadoras. En ciencia nunca temos estabilidade. De feito, só se pode conseguir unha cátedra despois de moitos anos e raramente antes dos 50, o cal trunca a vida persoal e familiar de moitas mulleres”.
Coa súa participación no programa Girl STEM, Deborah García súmase a outras referentes que queren contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%.
De Inditex ao Guggenheim: quen é Deborah García
Segundo fai saber AGASOL, a traxectoria de Deborah García Bello (A Coruña, 1984) é “tan impresionante como a súa capacidade de transmitir a ciencia a todo tipo de públicos”. Deborah, que é química e divulgadora científica, traballa tamén como colaboradora na Televisión Española e na Televisión de Galicia. Conta coa súa propia sección de ciencias todos os mércores na Radio Galega e, ademais, escribe para diferentes medios como El País, La Voz de Galicia, o cultural O observador da beleza de L’’ORÉAL, o Caderno de Cultura Científica da UPV/ EHU ou Naukas, e dá conferencias en todo o mundo. Ademais, é formadora en hábitos saudables para o xigante téxtil galego Inditex.
Desde 2016 é a directora científica das xornadas Ciencia e Arte da Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim de Bilbao. Está a facer o doutoramento na Universidade da Coruña sobre divulgación científica a través da relación entre a ciencia e a arte contemporánea. É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e da Asociación Española de Comunicación Científica.
É autora do aclamado blogue dimetilsulfuro.es, polo que recibiu o Premio Bitácoras 2014 ao mellor blogue de ciencia nacional. A súa canle de Youtube Deborahciencia conta con máis de 18.000 subscritores, que se suman aos máis de 13.000 en Twitter. É autora do libro Todo é cuestión de química (Ed. Paidós, 2016), galardoado co Premio Prismas ao mellor libro editado sobre divulgación científica en 2017. Pola súa actividade divulgadora recibiu un premio Jot Down Ciencia en 2017 e o Premio Tesla á divulgación en 2016. En febreiro deste ano saíu á venda o seu último libro Que se lle van as vitaminas! (Ed. Paidós, 2018), que xa vai pola súa cuarta edición.

PUBLICIDADE