Debullamos as obras interactivas finalistas nos Premios Mestre Mateo deste ano

mércores, 7 de marzo do 2012 Raquel Noya

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer onte na Coruña os finalistas da décima edición dos seus Premios Mestre Mateo, aos que concorrían un total de 132 obras, 85 produtoras e 385 profesionais; unhas cifras similares ás rexistradas en edicións anteriores que dan boa conta, en palabras da membro da xunta directiva Enmma Lustres, de que “o talento en Galicia non está en crise”.
Unha boa parte das candidaturas acapáranas cinco proxectos de diversas disciplinas como son a serie de televisión Matalobos, con 15 nominacións, a longametraxe de ficción Doentes, con 13; a longa de animación Enrugas, con 8; a longa documental Tralas Luces, con 6; e a longametraxe para televisión Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, tamén finalista en 6 categorías.
Porén ás candidaturas que máis nos interesan a aqueles que devecemos por todo o que ten que ver coas novas tecnoloxías e os trebellos electrónicos, a de Mellor Obra Interactiva, optan este ano dúas obras, o conto Area fai seis e Titanio e Plutonio no país do Ciclograma, de Hipotálamo Films.
Esta obra interactiva é unha adaptación da curta que leva o mesmo nome, que foi optimizada para xogar na pantalla do noso ordenador e que se presenta en forma dun vídeo VR 360º no que hai que perseguir a un personaxe.
Segundo informaban recentemente no blog El Paraguas de la Rectoría, trátase da primeira película de ficción dispoñible neste formato (vídeo 360º en 3D estereoscópico deseñado para gafas VR con acelerómetro), da cal engaden “sen medo a equivocarse”, que “estamos perante a precursora do que serán as futuras películas de realidade virtual”.
A outra finalista nesta sección, a obra Area fai seis, é un conto escrito por Araceli Gonda e ilustrado por María Noel Toledo, que naceu abeirado a un proxecto que a editorial Galaxia (por certo, finalista nesta categoría na edición do ano pasado con Contoplanet) preparou para o Instituto Galego de Consumo coa axuda da mestra Ánxeles Abelleira.
Falamos do proxecto virtual Dalle a volta, que se pode descargar de balde na web de Consumo, e que consta de varios elementos entre os que destaca o devandito conto interactivo, creado para concienciar aos máis pequechos da necesidade dun consumo responsable.
O conto permite por unha banda realizar unha lectura normal directamente na Rede, ou ben que se xogue ou interactúe coas distintas pantallas que achega, movendo elementos, escoitando sons...
Asemade, o conto interactivo, desenvolvido tecnicamente pola empresa Moonbite, acompáñase dunha profunda proposta didáctica elaborada pola mestra Ánxeles Abelleira e “representa un material de primeira magnitude para educar nun consumo responsable”, afirman dende a editorial.
Dende Galaxia engaden que este proxecto “é un exemplo de literatura multisoporte, na liña do que xa fixemos, por exemplo, con ’’O soldadiño de chumbo’’, que saiu ao tempo como película en DVD, álbum en papel e aplicación para iPad”.

PUBLICIDADE