A empresa de raizame galega Denodo Technologies, da que falamos recentemente para dar conta dos detalles da versión 5.0 da súa plataforma de virtualización, está de novo de actualidade por un nomeamento que implica, por unha banda, máis presenza de profesionais galegos á fronte de firmas de primeira liña internacional e, por outra, un fortalecemento dos procesos de internacionalización iniciados hai ano por Denodo (procesos que mesmo levou a empresa do galego Ángel Viña a situar o seu centro de operacións en Palo Alto, California, ao tempo que mantiña o seu centro de produción na Coruña). O devandito nomeamento implica directamente a outro galego, Raúl Villares, que vén de ser designado como novo director para o sur de Europa, África e Oriente Medio.
Dende o seu novo posto, informa Denodo, Villares tirará proveito do seu extenso coñecemento das estratexias de negocio da compañía, as motivacións e desafíos, para incrementar a presenza da firma galega nos territorios baixo a súa responsabilidade.
Como lembraremos, Villares formouse no Instituto Politécnico da Coruña, no eido de Enxeñaría de Automoción, e comezou a súa andaina profesional en Anthony Cook Associates en Londres, e de aí deu o chimpo directamente ás grandes multinacionais do sector tecnolóxico-dixital, como son IBM, Sun Microsystems e Oracle. Segundo engade Denodo, con esta aposta pola firma galega, Raúl Villares non busca senón “continuar a súa carreira no sector tecnolóxico da man da empresa líder nunha das tecnoloxías máis avanzadas do momento, a relativa á virtualización de datos”. De feito, Denodo centra a súa actividade primordial neste ámbito unificando o acceso a servizos de big data ou computación na nube con os máis innovadores desenvolvementos en materia de xestión da información corporativa. Arestora, a firma (creada en 1999 por Ángel Viña), ten sedes en Palo Alto (a principal), na Coruña, Nova York, Londres e Madrid.
Denodo nomea a Raúl Villares director para sur de Europa, África e Medio Oriente
Compartir Este Artigo
