Dinahosting recupera a normalidade tras un ataque de denegación de servizo

mércores, 24 de decembro do 2014 Marcus Fernández

A primeira hora da mañá, e despois dunhas 16 horas de incidencias, os servidores albergados pola compañía galega Dinahosting conseguiron volver á normalidade tras superar un impresionante ataque de denegación de servizo que afectou a uns 60.000 usuarios en España, facendo que moitas páxinas web galegas estivesen fóra de servizo durante a tarde de onte e a pasada madrugada.
Recuperada a normalidade, dende Dinahosting destacan que o ataque de DDoS afectou ao seus sistema de DNS, o que impedía o acceso aos servizos a través do seu nome na Rede. Este incidente foi provocado por centos de milleiros de conexións distribuídas na Internet que multiplicaron aproximadamente por 130 o tráfico habitual dos servidores de Dinahosting, facendo que non puidesen atender tal demanda, e provocando a saturación do seu acceso.
Dende Dinahosting aseguran ter implantado contramedidas e continuar a monitorizar e supervisar a súa infraestrutura para garantir o seu bo funcionamento, lembrando que os datos dos seus clientes non se viron comprometidos en ningún momento e adiantan que en breve publicarán un informe oficial sobre a incidencia no seu blog.


Durante o ataque de DDoS o tráfico nos servidores de Dinahosting chegou a multiplicarse por 130