Disney Channel dirá adeus en xaneiro

mércores, 27 de novembro do 2024 Marcus Fernández

En xullo de 2008 chegou á grella da Televisión Dixital Terrestre española Disney Channel, revolucionando a oferta audiovisual española en aberto, con series como Hannah Montana e Lilo y Stitch, de xeito que xa non era preciso contar cunha plataforma de pagamento para gozar dese tipo de contido (como acontecía dende 1998).
Pero o panorama vai volver mudar, e veñen de anunciar que Disney Channel vai abandonar a TDT en España o vindeiro 7 de xaneiro, de xeito que para poder continuar a acceder aos seus contidos haberá que facelo a través de plataformas como Disney+.
Disney Channel tamén desaparece de outras plataformas de distribución audiovisual en España, como xa fixeron no seu día as canles Disney Cinemagic e Disney XD, quedando polo momento a canle Disney Junior.
Queda por saber que canle ocupará o espazo de Disney na TDT, pois deixa un importante baleiro na oferta infantil, que será territorio case exclusivo de Boing e Clan.