Disney Netpal, un novo ultraportátil para nenos
mércores, 17 de xuño do 2009
Os
produtos de electrónica de consumo moitas veces empregan o pulo de marcas
consolidadas para mellorar as súas vendas, sendo Disney todo un referente nesta
política, con toda serie de dispositivos vendidos baixo a súa marca, coma
televisores con orellas de Mickey Mouse, reprodutores de DVD de Piratas del Caribe ou xoguetes
electrónicos de todo tipo, chegando agora cun ultraportátil fabricado por Asus
e orientado a un público infantil.
O Disney
Netpal é un ultraportátil con pantalla de 8,9 polgadas, Wi-Fi e as
características típicas nun equipo deste tipo, coma o sistema operativo Windows
XP, que incluirá unha serie de aplicacións informáticas que presentan en
pantalla a personaxes da Disney, así coma iconas divertidas, fondos de escritorio
e outros elementos para adaptar o escritorio os cativos, non esquecendo
mecanismos de control parental para filtrar o tipo de uso que fan os nenos da
web ou do correo electrónico.
Exteriormente estes ultraportátiles tamén teñen unha identidade propia, estando
dispoñible en dúas cores: azul (con iconas representando a cabeza do rato
Mickey repartidas pola súa carcasa) e rosa (que fai o propio con flores).
Estará dispoñible para a súa venda nos EE.UU. en xullo a uns 349,99 dólares, agardándose
a súa comercialización en Europa antes de rematar o ano.