Disney+ non permite a reprodución de contidos en 3D en Europa

xoves, 12 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Disney+ é unha das poucas plataformas que achega contido estereoscópico a través de Apple Vision Pro

Un dos principais reclamos de Apple Vision Pro é o consumo audiovisual, e a oferta de contidos que realmente tiran proveito do visor de realidade estendida de Apple, que xa era sumamente reducida, vai a peor, xa que moitos usuarios están a alertar de que a aplicación de Disney+ para o visor da compañía de Cupertino perdeu o soporte para contidos en 3D en boa parte do mundo.
Dende Disney+ non dan ningunha información ao respecto, pero esta incidencia leva sucedendo en Alemaña dende o mes de novembro, o que aseguran que é consecuencia dunha sentenza xudicial sobre un conflito de patentes, e agora as consecuencias afectarían tamén a usuarios de numerosos países europeos e incluso de usuarios australianos, o que dá a entender de que estamos ante un problema que rematará sendo global.
Se consultamos a páxina de axuda de Disney+ podemos ver como os usuarios Premium poden acceder a contidos en 4K UHD e HDR, HDR10 e IMAX Enhanced, pero xa non ao formato Dolby Vision, que sería o afectado pola sentenza xudicial contra Disney.
Aínda que perder o soporte dun formato de HDR pode resultar frustrante para propietarios de certos televisores, no caso dos contidos 3D a situación é máis grave, pois Disney+ era un dos poucos servizos audiovisuais optimizados para Apple Vision Pro e agora, para poder gozar de filmes en 3D no visor de Apple é preciso recorrer á propia tenda audiovisual da compañía da mazá.
Esta situación non só empobrece de xeito dramático a oferta audiovisual para Vision Pro, senón que tamén resulta moi violenta para os subscritores de Disney+, que non están a recibir información oficial por parte da compañía, polo que de momento non se coñece se estamos ante algo eventual ou definitivo.