Dous investigadores do CITIC, colaboradores da Axencia Estatal de Investigación
xoves, 9 de marzo do 2017
Dous
investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) veñen de ser
nomeados colaboradores da Axencia Estatal de Investigación. Trátase
de Ramón Doallo e Luis Castedo.
O nomeamento, en palabras do CITIC, “amais de dar prestixio ao
centro, pon de manifesto que no seu seo cóntase con investigadores
de gran relevancia”. Doallo, que é tamén membro da Real Academia
Galega de Ciencias (RAGC), encárgase na Axencia Estatal de
Investigación da área científica de Tecnoloxías Informáticas,
mentres que Castedo fai o propio coa área científica de Tecnoloxías
Electrónicas e de Comunicacións (TEC). Entre as súas funcións,
salienta a de asistir na
xestión dos procesos de avaliación das convocatorias que xorden,
desenvolvendo os labores oportunos de exame e seguimento das
actuacións financiadas para mellorar a medición dos resultados e o
seu impacto.
Doallo e
Castedo encárganse tamén de nomear aos expertos que conforman a
comisión de avaliación de cada proxecto, revisando as súas
avaliacións e elaborando os informes finais que deciden cales
acceden ou non ao financiamento. Entre as convocatorias que xestionan
atópanse as de Excelencia, Retos Investigación, Redes de Excelencia
e Mozos Investigadores, entre outras. Tamén se ocupan das
convocatorias Explora Ciencia e Explora Tecnoloxía, e da solicitude
de axudas para a organización de congresos internacionais.
Ambos
coinciden en que é unha honra ter sido seleccionados polo devandito
organismo, que recoñece que a súa traxectoria é merecedora de tal
distinción e outórgalles o privilexio de poder coñecer de primeira
man todo o que se está facendo no mundo da investigación no ámbito
estatal.
A
Axencia
A finais
do ano 2015 aprobábase o Real Decreto 1067/2015 que establecía
a creación e estatutos da Axencia Estatal de Investigación (AEI),
un novo organismo que ten como principal obxectivo dotar ao sistema
español de ciencia, tecnoloxía e innovación dunha xestión máis
flexíbel,
áxil e autónoma. Ademais, esta entidade traballa para incorporar
mellores prácticas internacionais de avaliación e render contas
das axudas outorgadas, simplificando de maneira transversal os
procedementos administrativos.
A
creación da Axencia Estatal de Investigación nace da recomendación
da Unión Europea a todos os países membro de contar cun organismo
independente que xestione os instrumentos de financiamento dos que se
dispón neste eido.
En liña con esa autonomía e axilidade con que se quere dotar á
axencia, atópase
unha ampla listaxe de colaboradores formado por investigadores,
expertos en desenvolvemento tecnolóxico e
especialistas relacionados co ámbito da investigación. Na devandita
listaxe figuran, precisamente,
Doallo e Castedo, dende hai tempo formando parte tamén do CITIC.