Elixidos os cinco proxectos que obterán aceleración en R DiCo Challenge
venres, 22 de marzo do 2019
Finalmente
xa temos os nomes dos cinco proxectos que van participar na
aceleradora R DiCo
Challenge. Os gañadores, elixidos dun total de 20 propostas,
foron dados a coñecer polo comité avaliador do programa de startups
da operadora, integrado por dous representantes de R e dous da AMTEGA
con asesoramento da CRTVG, que mentorizará un dos retos. Os
proxectos seccionados collerán impulso dentro da aceleradora DiCO,
contando con cadanseu mentor, axuda económica da axencia AMTEGA e o
espazo startups R (habilitado no Centro de Emprendemento da
Cidade da Cultura) á súa disposición, entre outras facilidades e
servizos.
As
devanditas cinco propostas son as seguintes:
·
En resposta ao reto 1, enriquecemento de retransmisións de
eventos deportivos, o proxecto elixido foi Futboleando.Gol, de M
International. O piloto, mentorizado por Diego Rodríguez
Devesa, responsable de contidos televisivos de R, propón un servizo
de retransmisión automatizada en diferido de partidos de fútbol
base, integrado coa plataforma de distribución de contidos de R e do
grupo Euskaltel.
·
Na contorna do reto 2, aplicacións para Android TV, foi
seleccionado o proxecto Brain Games TV, promovido por Cuicui Studios
e mentorizado por Antonio Ratón, responsable de televisión
na área de Innovación de R e do grupo Euskaltel. A proposta é
desenvolver unha aplicación de Android TV de xogos de Brain Training
adaptados ao formato televisivo, integrada na plataforma de R.
·
Para o reto 3, contidos formativos e divulgativos innovadores,
escolleuse o proxecto de Adivina Producciones, FVR- Fila de Realidade
Virtual. Mentorizado por Leticia Sánchez, directora de
Televisión do grupo Euskaltel, FVR contempla o desenvolvemento dun
servizo viable de retransmisión en diferido de contidos culturais,
especificamente teatrais, integrado na plataforma de contidos de R e
baseado en tecnoloxías de realidade virtual en 180o.
·
No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, o comité
avaliador decidiuse pola proposta de Mario Pérez, Visualización Big
Data, que mentoriza Esther Medina, xefa do servizo de
Innovación da CRTVG. O proxecto consiste na posta en marcha dun
sistema de recolección e análise masiva de datos orientado á
mellora da programación televisiva.
·
Finalmente, no apartado de reto aberto escolleuse o proxecto AliCE,
(www.alicebiometrics.com),
promovido polo Centro Tecnolóxico Gradiant e mentorizado por
José Cadavid, responsable de Plataforma e Big Data do grupo
Euskaltel. Desta volta a idea é desenvolver un piloto dun sistema de
retención de novos clientes utilizando tecnoloxías de recoñecemento
facial que eviten a suplantación de identidade (anti-spoofing)
para confirmar de xeito automático a identificación dos usuarios.
Defensa
e demostración: do Pitch Day ao Demo
Day
Os
cinco proxectos seleccionados competiron o pasado 7 de marzo nunha
xornada de pitching na Cidade da Cultura de Santiago, xunto
con outras quince propostas orientadas a algún dos cinco desafíos
tecnolóxicos da aceleradora para o programa deste ano. Tratábase de
convencer, nuns cinco minutos, da utilidade e viabilidade das
iniciativas, e de explicar de que maneira as levarían á práctica
cun plan de negocio.
Unha
vez coñecida a identidade dos cinco proxectos que pasan á fase de
aceleración, comeza este último treito do programa startups
R DiCo Challenge 2018-19. Os elixidos terán á súa disposición
cadanseu mentor e poderán optar á axuda económica da AMTEGA para
afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento das propostas.
Como dixemos máis arriba, tamén poderán empregar o espazo
startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da
Cultura, traballarán man a man con R, terán acceso á súa
infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das
instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do
operador galego durante este tempo.
Ademais,
R converterase para eles “nun potencial primeiro cliente e nun
trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado”.
