Elon Musk agocha as páxinas de Facebook de Tesla e SpaceX

venres, 23 de marzo do 2018 Marcus Fernández

A polémica ao redor do abuso da plataforma de Facebook por parte de Cambridge Analytica levou a unha campaña na Rede que co cancelo #deletefacebook instaba a abandonar a plataforma social de Mark Zuckerberg, e como curiosidade tiña que o persoeiro que deu maior visibilidade ao fenómeno foi Brian Acton, un dos fundadores de WhatsApp, que durante a absorción da súa compañía por parte de Facebook traballou para tal empresa.
Durante esta tarde o propio Elon Musk quixo amosar a súa adhesión á protesta, primeiro a título persoal, o que levou a que o público reclamase o borrado tamén das páxinas das súas compañías, levando case de inmediato ao borrado das páxinas de SpaceX e Tesla das súas páxinas de Facebook.
Polo momento a presenza das empresas de Musk en Instagram (tamén propiedade de Facebook) mantense porque considera que se manteñan até certo punto independentes. Lembra que nunca usou Facebook e nunca o fará.
Temos así que non resultará sorprendente que, como mostra de adhesión aos movementos de protesta contra Facebook moitas marcas nos EE.UU. oculten as súas páxinas temporalmente (por exemplo, Sonos suspendeu por unha semana as súas campañas publicitarias en Facebook e Instagram, mentres que Mozilla tamén asegura ter pulsado o botón de pausa á súa publicidade en Facebook), aínda que dificilmente deixarán de estar presentes en Facebook a longo prazo, pois a ausencia podería supor tanto perdas económicas como unha importante perda do control da súa imaxe alí onde está o público.

JPEG - 55.1 KB
Actualmente a páxina de Tesla en Facebook está oculta da vista dos usuarios

PUBLICIDADE