En marcha unha nova canle para a participación e a reflexión social e política: Irmandade.tv

luns, 3 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

Temos nova web galega en desenvolvemento para traballar a prol dunha comunicación máis colectiva, cooperativa e fiábel, hoxe en día de abondo comprometida por múltiples intereses que afectan non só aos medios privados, senón tamén (e se cadra máis grave) a unha chea de canles públicas, teoricamente salvagardas da información máis democrática. Pois ben, precisamente cara acadar unha información máis democrática (tanto no senso da forma coma no de contido) é cara onde se dirixe a Irmandade.tv, un novo espazo web no que difundir programas agregados.
Esta canle de televisión en liña, que centra a súa liña de actividade no noso nacionalismo, conta xa para o seu pulo (comezará a emitir decontado) coa experiencia de Aurélio Lópes, un dos seus principais promotores. Lópes e a súa equipa beben das fontes de iniciativas semellantes postas en práctica en países como Holanda, onde aquelas xa deron bos froitos no camiño da participación cidadá e da procura dun coñecemento máis fiábel. O proxecto galego está estes días a gravar o programa O debate, un espazo dirixido a fornecer análises críticas da actualidade dende puntos de vista plurais que contribúan, ademais, a que liña de reflexión fique activa, viva, nos espectadores.

PUBLICIDADE