En marcha unha plataforma tecnolóxica única para as lonxas ao abeiro do Programa Primare

venres, 13 de outubro do 2017 Redacción

O Programa Primare da Xunta, dirixido a modernizar os nosos sectores tradicionais, vén de achegar unha serie de novidades importantes para os ámbitos da pesca e o agro. No eido mariño, as novidades materialízanse no fornecemento de procesos dixitais para as lonxas. Segundo informa a Xunta, até 35 lonxas poderán beneficiarse de melloras tecnolóxicas nas súas instalacións, “que permitirán unha xestión máis eficiente da súa actividade, sobre todo en materia de comercialización, rastrexabilidade e seguridade alimentaria” e tamén en aspectos relacionados coa xestión económica. É unha das actuacións previstas no Programa Primare da Xunta, que impulsa a AMTEGA en colaboración coas Consellerías do Mar e do Medio Rural.
A modernización das lonxas desenvolverase a través de dúas liñas de actuación. Por unha banda, melloraranse tanto as infraestruturas como o equipamento tecnolóxico e, pola outra, porase a disposición das lonxas unha plataforma tecnolóxica única, que integrará os sistemas de xestión, comercialización, e emisión de notas de venda, informatizando a xestión duns procesos que até o de agora se viñan realizando de maneira manual e illada. “Esta medida”, explica a axencia que dirixe Mar Pereira, “redundará nunha axilización destes procedementos, posibilitará as poxas en liña, e mellorará a comercialización”. E engade: “As lonxas poderán sumarse á renovación, de maneira totalmente voluntaria, a través da Consellería do Mar”.
O proxecto de modernización, que está en fase de licitación, abrangue a modernización da infraestrutura tecnolóxica das lonxas, melloras nos sistemas de xestión (con servizos que faciliten as xestións da actividade da lonxa: contabilidade, cobros e pagos, relación coa administración, comercialización, subministración, prestación de servizos, ...) e de comercialización (de xestión das capturas descargadas, clasificación, pesada, poxa e a emisión dos documentos precisos para a súa venda e comercialización, ...).
Ademais, con estas accións de modernización, mellorarase a xestión das lonxas en todo o que ten que ver coa comercialización, a rastrexabilidade e a seguridade alimentaria. Asemade, contribuirase a aumentar a eficiencia e a seguridade e a mellora das condicións de traballo.
Para levar a cabo estas actuacións nas lonxas, a Consellería do Mar investirá máis de 3,8 millóns de euros que se distribuirán nas anualidades 2016, 2017, 2018 e 2019. Esta cantidade será co-financiada nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).
No campo, o Programa Primare investirá preto de 3,5 millóns de euros no desenvolvemento de tres solucións tecnolóxicas, que non existían no mercado, para ofrecer servizos de valor engadido para mellorar a competitividade deste ámbito. A previsión é adxudicar a comezos do 2018 os tres proxectos. A partir dese momento as empresas terán de prazo un ano para crear as tres soluciones que conformarán un sistema global para a xestión do campo, que se comezará a probar en xuño de 2019.
A primeira das solucións permitirá a xestión de información xeográfica, territorial e agroambiental de maneira xeorreferenciada (algo preciso para o control da actividade agraria) que integrará os datos capturados mediante sensores transportados por UAV (vehículos aéreos non tripulados) ou outros dispositivos tecnolóxicos. Este sistema permitirá obter imaxes das parcelas con calidade de abondo para o seu posterior tratamento, así como datos relativos á xestión dos cultivos como poden ser a altura do terreo, a altura do cultivo ou grao de humidade.
Para transformar estes datos en información útil, crearase unha plataforma de procesado de información de parcelas agrarias, que permitirá obter mapas xeográficos, nos que identificar as parcelas, a súa morfoloxía topográfica, mesmo os cultivos e outros datos obtidos a través dos sensores. Toda esta información estará almacenada nunha plataforma con capacidade para explotala de forma útil, tanto por parte da Administración como dos axentes do sector primario.
A terceira solución prevista centrarase no deseño e posta en funcionamento dun sistema intelixente para automatizar os traballos sobre o terreo e a toma de decisións asociadas ás axudas europeas en Galicia. En base á información obtida coas solucións anteriores, este sistema permitirá axudar a determinar os tipos de parcelas e que os técnicos poidan tomar decisións sen trasladarse sempre fisicamente á parcela.

PUBLICIDADE