Enred@ndo as lendas: novo wiki sobre cultura popular galega para todas as idades

xoves, 10 de maio do 2007 Raquel Noya

Coa finalidade de potenciar o emprego da Rede de xeito educativo por parte d@s moz@s galeg@s (unha tarefa nada sinxela nos tempos que corren), os dinamizadores da Sociedade da Información Adelaida Aparicio, César Vila e Ana Pérez veñen de crear unha interesante actividade de democratización e dinamización da Internet, unha páxina web ó estilo da popular Wikipedia na que os visitantes se converten en parte activa do proxecto, pasando a formar parte do equipo redactor.
Enred@ndo as lendas, que así se chama a actividade, consiste na dinamización dunha web 2.0, na que fundamentalmente se recompilan contidos baseados na cultura popular galega, e coa que se pretende ademais:
· Promover o emprego da nosa lingua en Internet.
· Potenciar a Rede como recurso educativo.
· Dar a coñecer novas utilidades da Rede de Redes.
· Fomentar as relacións interxeracionais.
Para acadar estes obxectivos, Enred@ndo as lendas tira das costumes populares galegas e anima ós internautas a facer unha recolleita (entre os familiares e amigos máis vellos) de contos, lendas, narracións populares, termos pouco empregados, fotos antigas, cantigas... e todo o relacionado coa nosa cultura tradicional e que co tempo foi caendo no esquecemento dando paso a novos costumes.
Os creadores da web animan @s m@zos galeg@s a que colaboren activamente no proxecto xa que se verán dobremente beneficiados, pois, “ademais de sentir a satisfacción de ver as súas historias penduradas na web, poderán gañar un dos 10 pequenos agasallos tecnolóxicos que a organización sorteará entre os participantes”.
Os centros educativos que polo de agora participan na actividade son o IES Manuel García Barros da Estrada e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

PUBLICIDADE