Ensilabs impulsa unha iniciativa para manter a actividade do pequeno comercio en tempos de COVID-19

luns, 13 de abril do 2020 S. P.

A empresa de software Ensilabs, acubillada no Viveiro da Universidade da Coruña (Campus de Elviña) e formada por antigo alumnado da institución, vén de botar man do seu talento e da experiencia dos seus impulsores para co-lanzar unha iniciativa solidaria co pequeno comercio e cos autónomos galegos en tempos de crise sanitaria e COVID-19. Trátase dun programa virtual colectivo cuxa idea é botar unha man aos establecementos de proximidade e aos traballadores por conta propia para fortalecer os seus negocios fronte á crise da pandemia, ou sexa, para permitir que sigan activos malia o parón produtivo.
Basicamente trátase de empregar as novas ferramentas para que poidamos seguir mercando os seus produtos e servizos con vistas a consumilos e tirar proveito deles cando volvamos á normalidade.
Co lema de Voltaremos! inclúe unha páxina web na que se amosan os comercios e as pequenas empresas adheridas a esta campaña e en cuxos establecementos virtuais pódense mercar os seus produtos ou servizos para poder consumilos ou usalos cando as firmas poidan abrir os seus establecementos.
Esa iniciativa, totalmente altruísta, só achega un único requirimento: que os negocios que se sumen acheguen 4 euros para sufragar os custes de mantemento e no caso de que esta contribución supere o custo da plataforma o remanente destinarase a comprar material sanitario para UNICEF España.

PUBLICIDADE