A empresa especializada en xestións bancarias de empresas e organizacións, Besepa vén de ser adquirida pola galega Enxendra Technologies a través dun acordo de compra oficializado nos últimos días e xa se está procedendo á integración de ambos negocios.
Besepa, empresa participada por inversores de referencia no sector TIC como Cabiedes & Partners e François Derbaix, pasa a integrarse en Enxendra, empresa con sede na Coruña e Madrid que desenvolveu o produto Docuten, unha plataforma de facturación e sinatura electrónica, que usan grandes empresas como Desigual ou o Grupo Planeta para dixitalizar o intercambio de documentos, tales como contratos laborais, mercantís e o proceso de facturación.
A solución de pagamentos de Besepa integrarase cos servizos de Docuten, a primeira plataforma do mercado que ofrece conxuntamente firma dixital e factura electrónica. O director xeral de Enxendra Technologies, Brais Méndez, asegura que «grazas á compra de Besepa afondamos na diferenciación de Docuten, cubrindo as necesidades de dixitalización de todo o ciclo de negocio das organizacións. Os clientes pedíannos en moitas ocasións estes servizos. E, certamente, é natural debido á estreita relación que existe entre a facturación e os pagos. Agora poderemos prestar servizos propios dunha entidade de pagos». Deste xeito refórzase o obxectivo principal da compañía, crear solucións que faciliten o fluxo e automatización de todo o ciclo de documentos de negocio: contratos laborais, contratos mercantís, envío e recepción de facturas, e agora cobros e pago.
Esta adquisición tamén reforza un dos focos estratéxicos máis importantes para Enxendra Technologies para o ano 2019: a consolidación internacional do seu produto Docuten, «que se verá axilizada grazas a este novo servizo», segundo Méndez, quen engade que «ata a data crecemos empregando unicamente recursos propios» matizando que «de cara á expansión internacional da compañía, non descartamos nos próximos meses buscar aliados que nos permitan afrontar o proceso de internacionalización con maiores garantías».
A transformación dixital é o núcleo indiscutible de ambas compañías e é por isto que Alberto Molpeceres, CoFundador de Besepa, non dubida en explicar que «o que nos atraeu de Enxendra é que a súa proposta de valor está moi ligada ao núcleo do noso negocio. A integración de ambas corporacións aportará un valor engadido moi potente aos nosos clientes». Alberto Molpeceres seguirá ligado ao proxecto como Payment Product Manager.
Enxendra faise coa compañía de pagamentos entre empresas Besepa
Compartir Este Artigo

