España, paraíso europeo de phishers

martes, 17 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

España está a cabeza de moitos e moi variados rankings, e non sempre esta posición privilexiada provoca precisamente a envexa do resto dos países. Dende logo, estar situada no terceiro posto da clasificación de países onde se dan máis casos de phishing non é como para botar cen bombas de palenque. E o caso non deixa de ser curioso: por unha banda, a España quédalle moito por estar ó nivel de Alemaña en materia de penetración de Internet (un 40% contra un 70%, aproximadamente) e, pola outra, supera ó país xermano en fraudes na Rede. Será que os españois adoitan a ser máis confiados (presas doadas)? Ou será o contrario?
Sexa como sexa, segundo a empresa RSA, España é o segundo país de Europa máis afectado polas estafas vidas a través deses e-mails que tódolos internautas recibimos algunha vez dende supostas entidades financeiras que logo requiren os nosos datos persoais para actualizar a súa base de información sobre clientes.
En realidade, o país acapara o 5% do total deste tipo de actuacións fraudulentas bancarias (supostamente bancarias). Despois de España, vén Alemaña, que suma o 3% das estafas, e logo aparecen Italia, Irlanda e Francia. Na cabeza do ranking atópase Estados Unidos, que segue a ser o gran obxectivo dos phishers, cunha porcentaxe do 76% dos ataques. A continuación vén Reino Unido. Nos datos que achega RSA, firma de seguridade informática, hai outro detalle preocupante: as manobras de phishing duplicáronse nos últimos catro meses e a previsión é de que se incrementen de xeito alarmante a medida que a “industria” do phishing se faga máis forte, operando xa dende o subsolo da Rede como calquera outra corporación con departamentos de vendas, de administración ou de comunicación (falamos da industrialización do crime).