España recupera a normalidade tras unha apagada sen precedentes

martes, 29 de abril do 2025 Marcus Fernández

Resultaba rechamante ver como as telecomunicacións eran especialmente vulnerables no caso galego

A Península Ibérica viviu onte unha experiencia inédita por mor dunha apagada eléctrica que tivo lugar a media mañá, que ás 7:00 horas de hoxe parece estar case totalmente recuperado (Red Eléctrica asegura ter recuperado o 99,95% da demanda), destacando especialmente o impacto que tivo nas redes de telecomunicacións, que nun momento no que están dixitalizadas deixou a moitos nun estado de illamento que non lembran (pois nas liñas telefónicas de par de cobre era posible comunicarse cando fallaba a electricidade).
Os operadores de telecomunicacións iniciaron os seus plans de emerxencia dende o primeiro minuto, e aínda que compañías como Vodafone aseguraban ter o 70% da súa rede activa un par de horas do inicio da incidencia; en moitas zonas perdeuse rapidamente o acceso a datos móbiles e incluso a chamadas ordinarias (as chamadas de emerxencia mantivéronse operativas case en todo momento).
A situación foi moi dispar no territorio peninsular, e así puidemos ver como, no caso de Vodafone, ás 23:00 horas de onte xa recuperaran o 60% do tráfico móbil, pero co contraste de que mentres a costa cantábrica tiña entre un 90% e un 93% do servizo recuperado, en Galicia quedaba cun ridículo 20%.
Cando pasada a medianoite comezou a recuperación do subministro eléctrico nas grandes cidades galegas, os usuarios atoparon que funcionaban correctamente as telecomunicacións fixas e móbiles, pero deixando para o recordo unha lección que evidencia que ante catástrofes non podemos recorrer á Internet para informarnos, e cómpre tirar proveito dunha tecnoloxía moito máis rudimentaria como é a da radio FM.
Unha vez recuperadas as comunicacións móbiles, plataformas como X facilitaron un seguimento en tempo real de como se foi recuperando o subministro eléctrico nas distintas vilas e barrios.

A radio FM como única fonte de información

Probablemente nos vindeiros días veremos como moitos tentarán facerse cun receptor de radio para emerxencias (que permiten a súa recarga mediante unha manivela e un panel solar, e incluso permiten recargar a batería do móbil) e, os que contan con teléfonos móbiles con recepción de radio FM nalgúns casos tamén serán conscientes da necesidade de contar con auriculares con cable a man, xa que normalmente os auriculares sen fíos non permiten a recepción de radio por non contar cun cable que fai de antena.
Aínda que Nacións Unidas establecese o 13 de febreiro como o Día Mundial da Radio, para moitos o 28 de abril pasará a ser o Día da Radio, por ser a data na que este medio de comunicación xogou un papel fundamental, do mesmo xeito que para moitos foi o 23 de febreiro de 1981 (no que España tamén empregou os transistores como principal fonte de información ao minuto).

Motivos da apagada

Aínda que inicialmente foron moitas as posibles causas do apagón baralladas, segundo se vai normalizando a situación xa se desbotou a posibilidade dun fenómeno meteorolóxico ou atmosférico inusual, e dende Red Eléctrica concluíron preliminarmente que non padeceron ningún incidente de cibeseguridade que puidese ter provocado o fallo da rede eléctrica, entendendo que o máis probable é que se producise un fallo técnico ligado ao exceso de produción de enerxía fotovoltaica.