Esta semana poderemos ver as lentes de Google en Compostela e Vigo

luns, 21 de abril do 2014 Marcus Fernández

Antes da Semana Santa demos conta de que o director do proxecto de Mundo Glass e membro de Glass Lleida Developers, Andreu Ibáñez, ía visitar Galicia durante esta semana, dando a coñecer a tecnoloxía de Google Glass a través dunha demostración en vivo, que completarase con información técnica e amosándose tamén algunha das aplicacións nas que está a traballar, como Liquid Galaxy e LleidaDron.
O primeiro destes encontros será o xoves ás 12:40 horas en Santiago de Compostela, aínda que non no edificio previsto inicialmente (a ETSE), senón que mudouse o evento ao salón de actos do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS), estando previsto que esta actividade teña unha duración aproximada dunha hora. Con este relatorio inaugúrase a actividade do Grupo de Desenvolvedores de Google de Santiago de Compostela (GDG Santiago).
A visita rematará o día 25 en Vigo, comezando cun xantar para membros do GDG Vigo, que definen como “cocido con Google Glass”, no que buscan casar a gastronomía galega (sopa de cocido, cocido galego e cañas recheas con crema) coas populares lentes de Google. Pechará a xornada unha completa presentación no Club Financeiro de Vigo de 19:00 a 21:00 horas, que non se limitará a falar de Google Glass, senón que tamén se achegará á nova plataforma Android Wear, á vez que intentarán amosar un enfoque profesional destas tecnoloxías emerxentes de Google.

Andreu Ibáñez amosará as Google Glass en Compostela e Vigo

PUBLICIDADE