Este mércores 23 celébrase a CITIC Cyber Competition - C3TF

martes, 22 de febreiro do 2022 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle este mércores 23 de febreiro a CITIC Cyber Competition – C3TF, unha competición de ciberseguridade organizada polo CITIC, en colaboración con AtlantTIC (UVigo), a Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade).
O evento está destinado a estudantes co obxectivo de que practiquen e desenvolvan as súas habilidades no ámbito da seguridade informática. Máis de 100 participantes organizados en 33 equipos resolverán diferentes retos de ciberseguridade e optarán a 3 premios por valor de 1000 €, 700 € e 300 € cada un.
O C3TF celebrarase de xeito simultáneo no CITIC e na sede de AtlantTIC, no Campus de Vigo, e tamén haberá participantes conectados de forma online.
O acto de apertura do evento contará coa presenza do director do CITIC da Universidade da Coruña, Manuel F. González Penedo; o director de AtlantTIC da Universidade de Vigo, Martín Llamas Nistal; o vicedecano de Recursos Informáticos da Facultade de Informática da UDC, Carlos Fernández Lozano; e o director de R, Alfredo Ramos González.
O acto de entrega de premios e clausura contará coa intervención dos coordinadores do MUNICS na Universidade da Coruña e na Universidade de Vigo, Francisco Javier Nóvoa Manuel e Ana Fernández Vilas, respectivamente.

PUBLICIDADE