Estudantes da UDC presentarán no CITIC propostas para mellorar a vida cotiá de persoas con diversidade funcional

luns, 5 de maio do 2025 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acollerá este 6 de maio (martes) a xornada de presentación de resultados do estudo piloto do proxecto Design2Freedom. Ao seu abeiro, estudantes de primeiro curso do Grao en Terapia Ocupacional presentarán propostas para mellorar a vida cotiá de persoas con diversidade funcional.
O proxecto Design2Freedom, coordinado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), atópase na fase de desenvolvemento dos pilotos en cada unha das Universidades participantes: Vilniaus Kolegija – VIKO (Lituania), Technicka Univerzita v Kosiciach – TUKE (Eslovaquia) e Universidade da Coruña – UDC (España).
Design2Freedom ten como obxectivo crear unha contorna de aprendizaxe inclusiva, que non só eduque, senón que tamén capacite aos estudantes para desenvolver produtos e servizos libres de barreiras e centrados nas persoas.
Ao longo de dous meses, estudantes de primeiro curso do Grao en Terapia Ocupacional da UDC traballaron en equipos multidisciplinares para desenvolver solucións tecnolóxicas aos desafíos cotiáns expostos por persoas con diversidade funcional.
Juan Ramón, Sonia e Jose, desde COGAMI, e Jorge, Joan e José Luis, desde ASPACE Coruña, compartiron preocupacións da súa vida cotiá que lles supoñen un desafío para poder participar en igualdade. O alumnado tivo a oportunidade de colaborar con eles/as e con profesionais e estudantes de diferentes disciplinas (Enxeñería en Informática, Educación, Logopedia e Traballo Social) para tentar buscar solucións innovadoras a estes retos diarios.
Entre as propostas que se presentarán destacan unha rampla portátil que permite salvar chanzos de ata 10 cm a persoas usuarias de cadeira de rodas, ou un cubilete de dados que permite xogar a xogos de mesa a calquera persoa, con independencia da súa mobilidade. As propostas que se presentarán nesta xornada tentarán dar resposta a estas e a outras cuestións relacionadas.
Durante a presentación, haberá un xurado mixto con representación do Concello da Coruña, da UDC, ASPACE e COGAMI, que avaliarán a calidade da aprendizaxe e farán entrega do recoñecemento ás solucións máis inclusivas e innovadoras.