Estudantes de Pedagoxía da USC lanzan unha ferramenta didáctica en galego para favorecer un uso saudábel das TIC
xoves, 14 de decembro do 2023
No
marco da materia Formación en Rede, un grupo de estudantes do
4º curso do Grao en Pedagoxía da Universidade de Santiago de
Compostela elaborou un recurso didáctico transmedia en
galego, destinado a nais e pais con infantes de 3 a 6 anos para
fomentar unha relación saudábel coas tecnoloxías e contornas
dixitais. Trátase
do proxecto CO.DI: Mentes
dixitais en crecemento, no que se tratan temáticas
como a importancia do papel das familias no uso das tecnoloxías, as
vantaxes dun bo uso destes medios e o establecemento de pautas e
límites.
Segundo
explica o grupo de estudantes, para o deseño e desenvolvemento deste
proxecto realizouse unha investigación de campo e documental e nela
participaron familias con crianzas das idades devanditas e seguíronse
as recomendacións achegadas dende o Plan
Digital Familiar da Asociación Española de Pediatría e dende a
Guía de buenas prácticas para familias y docentes.
Recomendaciones para el uso de la tecnología en Educación Infantil
elaborada no marco do proxecto de investigación Infanci@
Digit@l.
As e os estudantes fan saber que neste estudo previo ao desenvolvemento de
CODI, detectouse “a necesidade de formar ás nais e pais para que
as súas fillas e fillos teñan un bo exemplo a seguir”.
O
recurso estrutúrase en capítulos textuais con imaxes e
complementados con infografías, documentos, vídeos e actividades
noutras plataformas. Estes capítulos contan historias independentes
que xiran ao redor dunha personaxe que dá nome ao recurso, CODI, un
pequeno robot que serve de guía ás familias no bo uso das
tecnoloxías dixitais.
Ademais,
este
proxecto conta cunha conta de Instagram na cal preséntanse os
diferentes elementos que completan as historias, e na que se convida
ás familias a que compartan a súa opinión e participen nas
actividades alí recollidas. “Grazas a esta participación e á
actualización dos contidos”, explican dende o grupo de estudantes
de Pedagoxía, “o recurso adaptaríase á retroalimentación
recibida”.