Estudantes do Instituto de Formación Europea María Pita (CREJOB) visitan o CITIC
venres, 22 de novembro do 2024
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu este 19 de novembro a visita dun grupo de 15 estudantes italianos procedentes do Instituto de Formación Europea María Pita – CREJOB.
Esta empresa, especializada na xestión de proxectos europeos, facilita estadías formativas, intercambios e prácticas laborais para estudantes doutros países en A Coruña. Nesta ocasión, os estudantes proceden do instituto Luigi di Savoia, na cidade de Chieti, onde estudan Informática.
O alumnado que visitou o CITIC, centrado na área de informática e tecnoloxía, tivo a oportunidade de coñecer as capacidades do centro nun percorrido que destacou as súas avanzadas instalacións e proxectos.
Durante a a súa estadía no centro exploraron o Demostrador Tecnolóxico, onde interactuaron con solucións innovadoras como simuladores de Realidade Virtual e Aumentada, así como demostracións en robótica. Tamén tiveron acceso ao Centro de Procesado de Datos (CPD) e aos laboratorios, onde se explicaron procesos como a impresión 3D.
Esta experiencia formativa está orientada á mellora da empregabilidade e ao fomento do emprendemento, fortalecendo a conexión entre a investigación tecnolóxica e o desenvolvemento profesional dos futuros especialistas en tecnoloxía.
O CITIC aposta pola divulgación e o fomento das vocacións tecnolóxicas, especialmente a través de iniciativas que integran estudantes internacionais e promoven a colaboración no ámbito europeo.